A Xunta comeza as obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, no Concello de Ponteceso, que supoñen un investimento de 446.000 €

Execútase un novo itinerario peonil e ciclista de 1,3 km de lonxitude pola marxe dereita da estrada AC-421, enlazando coa senda de Xornes-Buño-Canta la Rana, na que a Xunta investiu 535.000 €

Para facilitar a visibilidade do itinerario, este executarase en formigón coloreado, con cuneta de seguridade e franxa axardinada onde sexa posible

As obras deste novo itinerario contan cun prazo de execución de 5 meses, polo que o obxectivo e rematalas neste mesmo ano

A Xunta segue avanzando para favorecer a mobilidade dos veciños de Bergantiños, co impulso de novas sendas de Soesto e Serantes, en Laxe, a de acceso ao centro comercial de Coristanco ou a senda do Couto, tamén en Ponteceso
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022

A Xunta vén de iniciar as obras de execución da senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que suporán un investimento autonómico de 446.000 euros.

Os traballos céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana, que supuxo un investimento da Xunta de arredor de 535.000 euros.

A nova senda entre Xornes e a igrexa de San Xoán acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado.

O novo itinerario en execución será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.

As obras contan cun prazo de execución de 5 meses, polo que o obxectivo é rematalas este mesmo ano. A Xunta financia esta actuación con fondos do eixe React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Esta actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez, busca mellorar a seguridade dos peóns nesta contorna e fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo tamén de mobiliario urbano, un banco que facilite o seu repouso.

A intervención da Xunta súmase á xa executada entre Xornes-Buño-Canta la Rana e completarase con outra nova actuación prevista no municipio: a nova senda no Couto, que se habilitará por ambas as marxes da estrada autonómica que vai a Corme, a AC-424. Será un itinerario de aproximadamente medio quilómetro de lonxitude que dará continuidade ao existente. Contará cun investimento autonómico de arredor de 320.000 €.

Deste xeito, a Xunta inviste 1,3 M € no concello de Ponteceso, en 3 sendas peonís para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos a pé de xeito máis cómodo e seguro.

Tamén segue avanzando para dotar a comarca de Bergantiños de novas sendas peonís, como a de Soesto e Serantes, no concello de Laxe, ou a que conectará o centro comercial de Coristanco, favorecendo a mobilidade e a seguridade viaria dos veciños.

Imaxes relacionadas