O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias inaugurou este evento no marco da Festa da Lamprea, declarada Festa de Interese Turístico Nacional

A Xunta pon en valor na Arbomostra 2022 os preto de 8 M€ convocados este ano para profesionalizar o cultivo da vide e a produción e comercialización dos viños galegos

José Balseiros destacou que ata o 2 de maio aínda se poden solicitar os 3 millóns de euros destinados á reestruturación e reconversión do viñedo

Mentres, estanse a tramitar as solicitudes ás achegas de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (2,7 millóns) e de promoción do viño en terceiros países (2,1 millóns de euros)
 

Arbo (Pontevedra), 22 de abril de 2022.-

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou hoxe a Arbomostra 2022 no marco da XLII Festa da Lamprea, onde puxo en valor os preto de 8 millóns de euros convocados pola Xunta este ano para profesionalizar o cultivo da vide e a produción e comercialización dos viños galegos.

Así, o director xeral destacou que deica o vindeiro 2 de maio aínda está aberto o prazo para solicitar ata 3 millóns de euros destinados á reestruturación e reconversión do viñedo. Mentres, estanse a tramitar as solicitudes recibidas no marco da convocatoria para apoiar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, dotada con 2,7 millóns, e a dirixida á promoción do viño en terceiros países, para a que se consignaron 2,1 millóns de euros.

Na súa intervención, José Balseiros exaltou o bo facer dos viticultores e adegas da denominación de orixe Rías Baixas. Resaltando a calidade e sona do viño da comarca do Tea, atribuíuno á climatoloxía da zona, ao coidado cultivo das mellores variedades e ás técnicas de vangarda para a elaboración do produto. Deste xeito, engadiu, a produción e a industria vitivinícola levan anos medrando tanto en Arbo como no resto de concellos incluídos na DO Rías Baixas.

Nesa liña, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias animou a seguir traballando na procura de produtos de calidade, porque selos como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficos protexidas -dixo- teñen cada día máis peso na rendibilidade das producións. Así mesmo, transmitiu a importancia de que ese valor engadido se traslade a toda a cadea de valor, para redundar no beneficio directo aos viticultores e ás comarcas rurais.   

Cabe engadir que a Arbomostra 2022 permitirá acceder deica o vindeiro domingo aos viños da comarca do Tea, entre outros produtos de artesanía e alimentación. Enmárcase na edición 62 da Festa da Lamprea de Arbo, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, que -tamén ata o domingo 24- permitirá degustar este produto en distintas opcións gastronómicas.

Imaxes relacionadas