A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou hoxe este acordo de xeito telemático co alcalde de Melide, José Manuel Pérez

A Xunta asina co Concello de Melide o convenio para completar o saneamento na parroquia de Santa María, que suporá un investimento de 150.000€

O Goberno galego executará as obras, ás que achegará 120.000 €, contribuíndo o Concello ao financiamento restante, destinando 30.000 €
 
Executarase un novo colector de saneamento que recollerá as augas residuais das vivendas que restan por conectar coa rede e as conducirá por gravidade cara ao colector xa executado a ambas as marxes da estrada N-54
 
Completarase a rede para dar servizo a 206 habitantes, tras unha primeira actuación coa que se dotou de saneamento as vivendas da parroquia na contorna da N-547, cun investimento superior aos 126.000 euros
 
A Xunta mantén a súa disposición de cooperación técnica e financeira cos concellos para axudalos nas súas responsabilidades municipais de saneamento e depuración

 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe de xeito telemático co alcalde de Melide, José Manuel Pérez, o convenio de colaboración para completar a ampliación do saneamento na parroquia de Santa María, que suporá un investimento de 150.000 euros.

 

O acordo recolle a execución dun novo colector de saneamento que recolla as augas residuais das vivendas de Santa María que aínda carecen deste servizo e as conduza por gravidade para a súa conexión co colector executado a ambas as marxes da N-547.

 

Segundo o establecido no convenio, a Xunta achegará 120.000 euros ás obras e o Concello de Melide contribuirá ao financiamento restante, destinando 30.000 euros.

 

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución dos traballos, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización. As obras teñen un prazo de execución de 2 meses.

 

Pola súa banda, a entidade local asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

 

Esta actuación será cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do programa 2014-2020.

 

Saneamento de Santa María

 

Esta intervención súmase á primeira fase xa executada pola Xunta e entregada o pasado ano ao Concello, coa que se dotou de saneamento as vivendas unifamiliares e edificacións de ambas as marxes da estrada N-547 nesa contorna.

 

Esas obras supuxeron un investimento superior aos 126.000 euros e centráronse na construción dun sistema de algo máis de 1,4 km de lonxitude que recolle as augas residuais urbanas das vivendas que carecían deste servizo, para seren conducidas ata a rede de saneamento existente na parroquia, e que acaba nun bombeo que impulsa as augas residuais cara á depuradora de Melide. 

 

Os traballos que se van realizar agora consisten na dotación dun colector de saneamento de 417,54 metros de lonxitude para a súa conexión augas abaixo co colector existente. Realizarase unha perforación horizontal dirixida, paralela á N-547, para salvar unha zona moi estreita entre unha vivenda e a estrada nacional, onde o colector se colocará a máis de 6 metros de profundidade.

 

Completarase a nova rede con 10 pozos de rexistro e reporanse os pavimentos afectados polas obras nas entradas ás vivendas.

 

Estas intervencións completan a rede de saneamento proxectada para dar servizo á poboación da parroquia de Santa María, dando servizo a 206 habitantes no ano horizonte 2040.

 

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, de competencia municipal.