A Xunta valora en Melgaço o novo programa de cooperación transfronteirizo Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027

    No acto enmarcado no ciclo de Conferencias ´´Alto Minho 2030´´ o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea analizou as novidades do novo Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027

    Durante o encontro valorouse tamén a posibilidade de creación dunha nova estrutura de cooperación transfronteiriza na ´´´raia seca´´ para seguir apostando pola cooperación de proximidade

Melgaço (Portugal), 22 de abril de 2022.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou hoxe na clausura da conferencia Desafios da Cooperação Transfronteiriça & Conetividade e Acessibilidade Territorial: Qual o posicionamento do território do Alto Minho?", que contou coa presencia do Ministro de Infraestruturas de Portugal, Pedro Nuno Santos, ademais do vicepresidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-Norte) e do presidente do Consello Intermunicipal da CIM Alto Minho. No acto participaron concellos ourensáns a través da Deputación Provincial de Ourense, e alcaldes dos concellos do norte de Portugal e da ´´raia seca´´.

Na súa intervención, o director xeral explicou as novidades do novo POCTEP 2021-2027 cara unha Europa mais verde, intelixente, social e próxima aos cidadáns, valorando positivamente que neste novo período o enfoque fundamental do financiamento europeo é o do desenvolvemento rexional.

A dotación do novo POCTEP 21-27 increméntase case nun 11% respecto do período anterior, cunha intensidade maior no caso de España que é dun 13% en comparación con Portugal que corresponde a un 4,57%. Unha das principais apostas do POCTEP é a de impulsar o desenvolvemento de estratexias multisectoriais de desenvolvemento integrado e sustentable, como é a nova figura denominada ´´Área funcional´´, que buscará a solución de problemas poñendo en marcha unha estratexia de desenvolvemento territorial concreta. O director xeral anunciou que no caso de Galicia e o Norte de Portugal a Reserva da Biosfera Gerês- Xurés funcionará como área funcional piloto. Esta iniciativa complementaríase coa posibilidade da posta en marcha dunha nova AECT na Raia Seca.

 

Ao longo da conferencia valorouse a posibilidade de establecer unha nova estrutura de cooperación transfronteiriza na ´´raia seca´´, que puidera desembocar na creación dunha AECT, co fin de facilitar, axilizar e garantir a cooperación transfronteiriza de proximidade e a captación de recursos europeos. Esta nova AECT tería como base a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês- Xurés e permitiría completar toda a fronteira galaico-portuguesa cuberta por estruturas de cooperación transfronteiriza.

 

As vantaxes desta posible AECT na ´´raia seca´´ supoñerá unha economía de escala e unha maior representatividade e visibilidade do territorio, con maior posibilidade de captación de proxectos con co-financiamento comunitario. Esta nova AECT sería un paso máis na integración europea e como sinalou Jesús Gamallo ´´para a Xunta de Galicia a Cooperación de proximidade é unha prioridade onde temos que asegurarnos de que a fronteira non sexa un custo, senón unha oportunidade´´.

Na conferencia tamén analizouse a Estratexia de Desenvolvemento do Alto Minho ata 2030 como instrumento de planificación, na que se definen os obxectivos para este período, así como os medios para a utilización eficiente dos futuros fondos europeos.

 

Finalmente, a conferencia rematou coa inauguración da “Festa do Alvariño e do Fumeiro 2022” de Melgaço.

Imaxes relacionadas