A Xunta destaca o exemplo do finado Magín Froiz que, co seu traballo construíu “ao mellor equipo de ciclismo amateur de España”

O secretario xeral para o Deporte asegurou que o Froiz "demostra a excelente materia prima ciclista de Galicia"

A directora de Turismo de Galicia destacou os valores que comparten o Froiz e o Camiño como "sacrficio, esforzo, compromiso ou equipo
 

Poio (Pontevedra), 22 de abril de 2022.-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora de Turismo de Galicia presentaron na mañá de hoxe a 34ª tempada do Grupo Deportivo Supermercados Froiz, un acto que tivo un carácter emotivo especial tras o pasamento da alma mater do equipo, Magín Froiz, o pasado 10 de marzo de 2022. Lete Lasa destacou precisamente o exemplo de Magín que, “espremendo ao máximo as súas capacidades e comezando cun pequeno almacén loxístico en Poio, foi capaz de levantar un dos grupos alimenticios máis importantes de España e desde el, ser un dos principais patrocinadores da actividade deportiva en Galicia para construír ao mellor equipo de ciclismo amateur de España". Cómpre salientar que o Froiz conta con oito campionatos do ranking elite sub23, cinco deles de xeito consecutivo:

O secretario xeral lembrou como en 1987 atopáronse os camiños de Magín Froiz e Evaristo Portela para crear un equipo de ciclocross, "que foi a idea principal do Grupo Deportivo ata o ano 2000, cando o Froiz centrouse de cheo no asfalto para acadar o seu inmenso currículo". Lete Lasa destacou como, tras 21 anos sen competir nesta especialidade, o Froiz deciciu volver apostar polo ciclocross, asinando 25 vitorias en 30 carreiras disputadas.

Para o mandatario galego, o Froiz demostra a excelente materia prima ciclista de Galicia e subliñou a importancia de que desde a presente tempada teña equipo feminino de Mountain Bike e Estrada. "Que as mulleres teñan o seu propio espacio no mellor equipo de ciclismo amateur de España, é algo necesario para que o deporte feminino siga crecendo". Neste sentido recordou que na pandemia, as licenzas de ciclismo en Galicia medraron un 8% ata preto de 8.500, pero as femininas o fixeron nun 20%.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou os valores que comparten deporte e Camiño “sacrificio, esforzo, compromiso ou equipo son uns dos valores que forman parte de este equipo e que, sen lugar a dúbidas, son un referente para calquera persoa”, “son valores que comparte o deporte e o Camiño de Santiago pero especialmente neste ano Santo tan especial son valores que queremos seguir difundindo e fomentando e, neste sentido, qué mellor xeito de facelo que promovendo a ruta do Camiño en bicicleta”, explicou.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou que a través do Plan Xacobeo Next Generation “estamos a promover o cicloturismo no Camiño de Santiago, que suporá un investimento de 5,7 millóns de euros que nos permitirá promover o camiño en bicicleta dun xeito seguro e mellor adaptado, traballando na mellora da convivencia entre peóns, ciclistas e peregrinos”

Imaxes relacionadas