Trenor informa de que as axudas da PAC para agricultores e gandeiros ascenderon en 2021 a máis de 23,4 M€ e beneficiaron a máis de 3.800 explotacións da área de Santiago

O delegado da Xunta destacou nunha explotación beneficiaria de Trazo que estes apoios son os máis importantes para as comarcas rurais de Galicia, tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido

Con respecto á campaña deste ano calcúlase que uns 25.000 agricultores e gandeiros se beneficiarán recibindo un importe superior aos 210 millóns de euros (170 millóns de axudas directas e 40 millóns de achegas ao desenvolvemento rural)

 

Trazo (A Coruña), 22 de abril de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou en Trazo a gandería Liste dedicada ao vacún de leite, unha das beneficiadas polas axudas da PAC nesta comarca.

 

O representante do Goberno autonómico destacou que “para as zonas rurais, estas axudas son as máis importantes tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento e xuventude e non de estancamento”.

 

Trenor informou de que tan só na área de Santiago as axudas da PAC, orde que inclúe tanto os pagos directos á agricultura e aos gandeiros como as axudas ligadas ao desenvolvemento rural, chegaron en 2021 a case 3.829 agricultores e gandeiros, cun investimento de arredor de 26,4 millóns de euros.

 

A nivel provincial, 8.188 agricultores e gandeiros da Coruña percibiron máis de 53,2 millóns de euros desta orde coas súas distintas liñas.

 

As axudas da PAC están financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e están vinculadas á superficie destinada a cultivos proteicos para a alimentación animal ou á produción de legumes de calidade. Tamén se destinan axudas ás explotacións que manteñan vacas nutrices, vacún de cebo ou vacún de leite, así como ás de ovino e caprino.

 

No caso do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) o apoio é mediante liñas de axuda en zonas de montaña e para outras zonas con limitacións naturais para a actividade agraria, así como para explotacións de animais de razas autóctonas en perigo de extinción, para a apicultura como medio de conservación da diversidade, para a xestión sustentable de pastos, a extensificación de vacún de leite e a produción de agricultura ecolóxica.

 

Campaña 2022

Con respecto á campaña deste ano das axudas da Política Agraria Común (PAC), calcúlase que uns 25.000 agricultores e gandeiros se beneficiarán destas achegas o presente ano recibindo un importe superior aos 210 millóns de euros (170 millóns de axudas directas e 40 millóns de achegas ao desenvolvemento rural).

 

Deste xeito, Trenor deixou patente que -ao igual que aconteceu como novidade na campaña anterior- os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

 

Cabe engadir que a Consellería de Medio Rural asume este ano o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da PAC, que as explotacións cobran no mes de outubro de cada ano. Suporá anticipar seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de arredor de dous millóns de euros.

AXUDAS PAC ÁREA DE SANTIAGO 2021

CONCELLO
Nº AXUDAS
TOTAL_CONCELLO
AMES
46

152.655,00 €

ARZÚA
286

2.764.696,31 €

BAÑA, A
121

778.301,45 €

BOIMORTO
141

1.152.845,30 €

BOQUEIXÓN
89

773.815,75 €

BRIÓN
91

555.971,12 €

DODRO
3

1.095,03 €

FRADES
194

2.258.895,41 €

MELIDE
219

1.192.536,17 €

NEGREIRA
172

1.101.126,86 €

ORDES
316

1.487.519,08 €

OROSO
136

623.798,41 €

PADRÓN
9

66.264,85 €

PINO, O
154

999.681,77 €

ROIS
128

862.642,62 €

SANTA COMBA
423

2.946.426,82 €

SANTIAGO DE COMPOSTELA

202

899.169,85 €

SANTISO
141

938.855,14 €

TEO
28

69.094,59 €

TOQUES
139

758.451,52 €

TORDOIA
260

1.798.137,21 €

TOURO
126

1.226.684,99 €

TRAZO
213

1.933.326,09 €

VAL DO DUBRA
146

939.864,47 €

VEDRA
46

208.293,31 €

TOTAL
3829

26.490.149,12 €

 
 

Imaxes relacionadas