Política Social instalará un novo ascensor na residencia de maiores de Ponteareas

O Goberno galego achegará máis de 48.000 euros para levar a cabo esta actuación, que comezará a mediados do vindeiro mes

Ponteareas (Pontevedra), 22 de abril de 2022.- A Consellería de Política Social iniciará a mediados de maio a instalación do novo ascensor da residencia Santa Ana de Ponteareas. O Goberno galego investirá máis de 48.000 euros na substitución do elevador actual do centro e na súa renovación, o que permitirá mellorar a accesibilidade do inmoble.

 

A Xunta de Galicia xa ten a autorización municipal para a obra na residencia de maiores e a empresa adxudicataria ten previsto iniciar a actuación no vindeiro mes. Deste xeito, o Goberno galego cumpre o seu compromiso de mellorar o inmoble para aumentar notablemente a calidade de vida das persoas maiores que viven nela.

 

De titularidade autonómica e xestión municipal, a residencia Santa Ana é un exemplo de cooperación entre Administracións. A Xunta de Galicia destina 500.000 euros anuais ao seu mantemento, ademais doutros investimentos puntuais.