O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu conta na Comisión 4ª do Parlamento desta actuación que se está a levar a cabo na estrada autonómica AC-196

A Xunta rematará en xuño as obras de rehabilitación da Ponte Nafonso que une os concellos de Noia e de Outes, cun investimento autonómico de máis de 700.000 €

Francisco Menéndez sinala que se está a traballar intensamente, ultimando os traballos do pavimento e avanzando na colocación do novo peitoril en pedra de cantería

Incide na substitución da varanda metálica prevista no proxecto inicial polo peitoril de pedra que se está a executar agora, autorizado por Patrimonio Cultural e posible tras a modificación do Regulamento de Circulación, que limita a 20 ou 30 km/h na ponte

Subliña o esforzo da Xunta para conxugar a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade por ser unha ponte medieval

Destaca o deseño proxectado para a iluminación da calzada e para reforzar a monumentalidade da ponte, en base a o modelo usado en Ponte Sampaio, en Pontevedra, que tamén incidirá na mellora da seguridade viaria para vehículos e peóns

Esta actuación enmárcase no programa de inspección e control das pontes e obras de paso que desenvolve a Xunta, que continuará coas obras de mantemento e conservación en Ponte Ceilán, na estrada AC-550, licitada por case 505.000€

Remarca o traballo do Goberno galego no coidado do seu patrimonio histórico viario, con accións na Ponte Vella de Ourense ou en Ponte Maceira, e avanza a redacción do novo proxecto para actuar na Ponte Sampaio, entre Soutomaior e Pontevedra
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, avanzou hoxe no Parlamento que as obras de rehabilitación e posta en valor da ponte Nafonso, que une os concellos de Noia e Outes na estrada AC-196, prevén o seu remate o vindeiro mes de xuño, logo dun investimento autonómico de máis de 700.000 euros.

Na súa intervención hoxe na Comisión 4ª, Educación e Cultura, Francisco Menéndez, sinalou que tal e como xa é coñecido pola información transmitida pola Xunta, as obras se atopan en execución e se está a traballar intensamente nelas: estase a ultimar o remate do pavimento, para pasar a colocar, agora, o novo peitoril en pedra de cantería.

Lembrou que os traballos foron retomados o día 11 de abril, tras recibir o visto bo da Comisión de Patrimonio da Coruña o novo proxecto para a ponte, que recolle a configuración do peitoril de pedra en lugar do metálico que recollía o proxecto contratado, e unha vez superado o paro do transporte que retrasou o seu comezo por falta de subministros.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas realizou unha pormenorizada exposición sobre o desenvolvemento desta obra, cuxa execución iniciouse o pasado mes de agosto e tivo que ser suspendida temporalmente polas necesidades de modificación xurdidas durante a execución dos traballos. Detallou que o proxecto se modificou e se reiniciaron os traballos sen que se teña incrementado o custo da actuación.

Lembrou que o proxecto inicial propoñía a instalación dunha varanda metálica, cuxo deseño estaba previsto para a contención de vehículos cunha velocidade de 50 km/h. Non obstante. a modificación do Regulamento de Circulación, que limita a 20 ou 30 km/h as vías que dispoñan plataforma única de calzada e beirarrúa, fixo posible revisar este requirimento técnico. Deste xeito, tras a correspondente avaliación e unha vez obtida a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, optouse finalmente por colocar un peitoril de pedra, que é o que se está a executar agora.

Francisco Meñéndez destacou o esforzo da Xunta nesta intervención, para conxugar a funcionalidade da infraestrutura co máximo coidado e a súa posta en valor, dada a súa singularidade ao tratarse dunha ponte medieval. A obra comprende a substitución do pavimento e da varanda, así como a limpeza dos paramentos exteriores co fin de mellorar o seu aspecto estético e mantela en bo estado de conservación.

Tal e como referiu o director, as obras inclúen a adecuación da iluminación en base a un modelo de baliza encaixada no peitoril, sistema tamén usado en Ponte Sampaio, en Pontevedra. As actuacións proxectadas para iluminar a calzada e para a iluminación monumental da propia ponte permitirán a súa posta en valor e unha notable mellora na seguridade viaria para vehículos e peóns. Inclúese tamén a colocación de paneis informativos e carteis de localización.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas tamén puxo en valor as liñas de actuación que converxen nesta actuación, que se enmarca no programa de control das pontes e obras depaso da Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas con actuación de conservación preventiva.

Puxo como exemplo, as obras proxectadas de mantemento e conservación en Ponte Ceilán, na estrada AC-550, licitada o pasado 24 de marzo por case 505.000. Tamén citou intervencións xa realizadas, como as da ponte do Ézaro, na AC-550, en Dumbría; as da ponte da Illa de Arousa; ou as da Ponte da Barca, en Pontevedra.

Francisco Menéndez referiu o traballo que está a realizar a Xunta de coidado do seu patrimonio histórico viario, con actuacións emblemáticas como as realizadas na Ponte Vella de Ourense ou a executada tamén na Ponte Maceira. Nesta liña, avanzou novos proxectos, como o que se está a redactar para actuar na Ponte Sampaio, no Camiño Portugués entre os concellos de Soutomaior e Pontevedra.
 

Imaxes relacionadas