A Xunta licita por máis de 205.000 euros as obras para dotar dun novo sistema terciario a depuradora de augas residuais da Pobra do Caramiñal

Substituirase o equipo de desinfección de raios UV, implantarase un sistema de monitorización enerxética, novos elementos no programa de supervisión e control das instalacións e ampliarase o software do sistema de alarmas para avisos

As empresas interesadas en desenvolver estes traballos, que contan cun prazo de 3 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de maio

A contratación da obra forma parte das actuacións previstas no contrato de conservación e mantemento desta depuradora municipal, renovado o pasado mes de febreiro para os dous vindeiros anos, e que conta cun investimento da Xunta de 1,7 M€

Augas de Galicia asume todos os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración municipal, deseñado para unha poboación de 30.000 habitantes

A xestión por parte da Xunta da depuradora da Pobra, cuxo mantemento vén asumindo Augas de Galicia desde o ano 2005, supón unha achega autonómica que supera os 12,5 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 205.760 €, as obras necesarias para dotar de novo sistema terciario a estación depuradora de augas residuais da Pobra do Caramiñal.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación desta actuación, que optimiza e incrementa as posibilidades de tratamento das augas da depuradora. As empresas interesadas nesta intervención, que conta cun prazo de execución de 3 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de maio.

 

As actuacións obxecto deste contrato comprenden a substitución do equipo de desinfección de raios UV, para o que será necesario alongar o canal mediante unha estrutura metálica, implantando tamén un sistema de monitorización enerxética.

 

A intervención deseñada por Augas de Galicia inclúe novos elementos para implementar o programa SCADA, de supervisión e control das instalacións; así como a ampliación do software do sistema de alarmas para avisos.

 

As actuacións financiarase no marco do eixe REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid -19.

 

A contratación desta obra enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración. Neste caso, forma parte das actuacións previstas no contrato de conservación e mantemento desta depuradora municipal e que conta cun investimento da Xunta de 1,7 M€.

Este contrato, renovado con Augas de Galicia o pasado mes de febreiro, garante unha xestión profesional e innovadora da depuradora municipal nos próximos dous anos empregando sistemas de intelixencia artificial.

 

Deste xeito, Augas de Galicia asume todos os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñadas, en condicións óptimas de funcionamento. A depuradora ten un caudal medio de tratamento de 6.000 m³/día e está deseñada para unha poboación de 30.000 habitantes.

 

O contrato de xestión recolle distintas melloras nas instalacións da planta depuradora, coa renovación de determinados equipos, como o licitado hoxe, e melloras de calidade e control na prestación do servizo. Prevese, por exemplo, instalar un biosensor para monitorizar a carga orgánica e a toxicidade.

 

Ademais, a través do contrato de xestión da instalacións municipais, a Xunta impulsará máis medidas e actuacións para acadar unha xestión máis profesional e innovadora, empregando sistemas de intelixencia artificial, a través do impulso de proxectos de I+D. Entre eles, o aproveitamento de graxas de augas residuais que se separan e se recuperan na depuradora para usalas na obtención de omega-3, apostando pola economía circular e o crecemento verde; o procesado dixital de imaxes en tempo real para a detección e identificación de vertidos, combinando visión artificial e intelixencia artificial; ou a modelización dos procesos de tratamento, combinando ferramentas de simulación e modelos activos para a optimizar o funcionamento da planta de tratamento de augas residuais.

 

A xestión por parte da Xunta da depuradora da Pobra do Caramiñal, cuxo mantemento vén asumindo Augas de Galicia desde o ano 2005, supón unha achega autonómica que supera os 12,5 M€.