O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta lembra que as peaxes da AP-9 foron as que máis subiron de España neste ano e pide que se destinen á AP-53 os cartos non aproveitados das bonificacións

Francisco Menéndez sinala que o Goberno de España deixou sen gastar 38 M€ dos    55 M€ de investimento previsto para os descontos da AP-9 nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021

Lamenta que o Ministerio de Transportes rexeite aplicar bonificacións na conexión Santiago-Ourense, pese a que o estudo realizado pola Xunta indica que abondarían  3,2 M€ para implantar as mesmas bonificacións que na AP-9

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- A Xunta subliña que as peaxes da AP-9 foron as que máis subiron este ano en España e pide que se destinen á AP-53 os cartos que non se están a aproveitar das bonificacións previstas para a Autoestrada do Atlántico.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, detallou na Comisión 2ª do Parlamento que o Goberno de España deixou sen gastar 38 M€ dos 55 M€ de investimento previsto para os descontos da AP-9 nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

 

A pesar diso, lamentou, o Ministerio de Transportes rexeita aplicar bonificacións na conexión Santiago-Ourense, pese a que o estudo realizado pola Xunta indica que abondarían 3,2 M€ para implantar as mesmas bonificacións que na AP-9.

 

Informou de que a AP-9, tras a bonificación nas peaxes, rexistra un custo medio por quilómetro de 6,12 céntimos, fronte ás autoestradas autonómicas, con 5,67 e as peaxes da AP-9 continuaron aumentando este ano.

 

Así, o director da Axencia Galega de Infraestruturas citou a Orde ministerial que establecía que “a partir do 1 de xaneiro, ás actuais tarifas das autoestradas dependentes do Estado, se lles aplicará un incremento do 1,97%”. Non obstante, este texto aclaraba que “excepcionalmente, en cumprimento de normas específicas, na autoestrada AP-9, as tarifas se incrementarán nun 2,99%”.

 

Manifestou a inquedanza da Xunta ante esta situación de agravio, pois ademais de ser a AP-9 a autoestrada que máis sobe, isto é debido ao sistema de amortización que aprobou o ministro socialista José Blanco para a ampliación do tramo de Rande e Santiago, que supón un negocio financeiro para a concesionaria.

 

Ademais, explicou que a pesar das bonificacións aplicadas, os últimos datos publicados polo Ministerio de Transportes indican que a AP-9, en outubro de 2021, en comparación co ano anterior, foi a segunda, de 20 concesións de peaxe, que menos tráfico recuperou.

 

Iso supón, engadiu, que nas travesías das estradas convencionais que captan tráfico que evita as peaxes da AP-9, non se notou o efecto das bonificacións, polo que non se acadou o efecto buscado de mellora da seguridade viaria.

 

 A Xunta avaliou vías como a AC-164 para o treito A Coruña-Ferrol, a AC-523 para A Coruña-Santiago; ou a PO-531 para Curro-Pontevedra, non habendo efectos significativos de diminución do tráfico e de vehículos pesados.

 

Tamén cualificou de decepcionante o emprego dos recursos orzamentarios dos que dispoñía o Goberno central, pois puntualizou que a liquidación da aplicación da compensación de todo o 2021, desde xullo que se implantou ata decembro, foi de case    17 M€, cando constaban 54,93 M€: 50 M€ para bonificacións; 1,53 M€ para a gratuidade Vigo-Redondela, que non é gratis; e 3,4 M€ para supresión da suba anual acumulativa do 1%, que aumentou igualmente.

 

Recordou que a Xunta formulara unha proposta para aplicar na AP-9 os recursos que estaban reservados nos Orzamentos do Estado. Tratábase dunha iniciativa máis acaída para Galicia, con maiores bonificacións para vehículos pesados, pero o Goberno central, a pesar de comprometerse a consensuar coa Xunta as medidas, non o fixo.

 
AP-53, sen bonificacións

Ademais desta situación na AP-9, o director lamentou que a autoestrada que une Santiago de Compostela e Alto de Santo Domingo (AP-53) sexa a máis cara de Galicia, ao acadar os 7,77 céntimos de media por quilómetro.

 

Remarcou que a AP-53 é a única autoestrada sen ningún tipo de bonificación aplicada. Lembrou que o Goberno Galego lle trasladou ao Ministerio de Transportes un estudo do custo de aplicar as mesmos descontos da AP-9, o que suporía algo máis de 3,2M€, unha achega asumible ao aproveitar as partidas non executadas da bonificación da AP-9.

 

Porén, lamentou que o Goberno central indicara o 2 de marzo no Congreso que “polo momento, non está previsto o establecemento de bonificacións ás peaxes na autoestrada AP-53, Santiago de Compostela-Alto de Santo Domingo”.

Imaxes relacionadas