A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou as actuacións da Xunta neste dous itinerarios peonís na OU-101, que suman 2,8 km

Ethel Vázquez destaca o investimento de 1 M€ nas novas sendas na Medorra e Paiseo, no Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, cuxas obras se licitan hoxe e se inician en outono

Actuarase na marxe esquerda da vía autonómica, nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria e da mobilidade aos veciños destes tres municipios, ao tempo que revalorizan a zona

A senda da Medorra terá unha lonxitude de 2,1 km e pasa polos tres concellos: comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e percorre o Parque Tecnolóxico de Galicia ata o cruce coa OU-537, onde se solapa coa que está en execución nos parques empresariais

O itinerario de Paderne de Allariz terá unha lonxitude de 640 metros, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continúa ata O Paiseo

As empresas interesadas nas obras teñen ata o 18 de maio para presentar as súas ofertas

Vázquez Mourelle fai fincapé na sensibilidade da Xunta cos veciños e o territorio neste tipo de intervencións, que neste caso permitiu reducir á metade a afección tras as achegas formuladas durante a información pública
 

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 22 de abril de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 1 M€ nas novas sendas na Medorra e Paiseo, no Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Paderne de Allariz, cuxas obras se licitan hoxe e se iniciarán no outono.

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle o inicio da contratación das obras destes dous itinerarios peonís na marxe esquerda da estrada OU-101. As empresas interesadas teñen ata o 18 de maio para presentar as súas ofertas. Deste xeito, tal e como adiantou Vázquez Mourelle, o obxectivo da Xunta é que os novos itinerarios poidan estar xa ao servizo dos veciños na primavera do 2023.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse hoxe ao municipio do Pereiro de Aguiar para presentar estas novas sendas, que suman en total 2,8 km, e que no caso do itinerario na Medorra discorrerá polos tres concellos, e na senda do Paiseo, polo concello de Paderne de Allariz. Na presentación tamén estiveron os alcaldes dos tres concellos beneficiados pola actuación e o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade precisou que as actuación centraranse nas zonas que carecen de espazo para o tránsito de peóns, ofrecendo unha importante mellora da seguridade viaria aos veciños destes tres municipios e facilitando os seus desprazamentos a pé, ao tempo que se revalorizan as zonas polas que pasan.

No caso da Medorra a senda, que pasa polos tres concellos, terá unha lonxitude de 2,1 km, transcorrendo, na súa meirande parte polo municipio do Pereiro de Aguiar. O itinerario comeza ao pasar o cruce co regato de Pazos e transcorre pola marxe esquerda ao longo do Parque Tecnolóxico de Galicia ata chegar ao termo de Paderne. Neste treito de actuación, tal e como indicou a conselleira, prodúcese o cruzamento coa outra vía da Xunta, a estrada OU-537, onde esta senda solaparía en execución na contorna dos parques empresariais.

O segundo itinerario, o de Paderne de Allariz, iníciase á altura do núcleo de Cascarreira, onde rematan as beirarrúas actuais, e continuará ata as proximidades do Paiseo, cunha lonxitude de 640 metros.

Segundo explicou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, en ambos os casos, as sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, con pavimento de formigón cor terriza. En determinados treitos contarán con gabia revestida, e estarán separadas da estrada por diferentes elementos, segundo o tipo de sección elixida en cada treito: gabia revestida e con perfil de seguridade; franxa de vexetación máis bordo; bordo prefabricado, ou a combinación destes tres elementos.

Como actuacións complementarias, executaranse muros de sostemento do terreo no treito da Medorra; tamén traballos de sinalización, reposición de servizos e preinstalación de alumeado público, xunto coa adecuación de 3 paradas de autobús ás que se dotará de 3 novas marquesiñas.

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

A conselleira fixo fincapé na sensibilidade coa que a Xunta trata estas intervencións, tratando de minimizar sempre as afeccións, tanto aos veciños como ao territorio, que nesta actuación permitiu reducir á metade a afección, tras as consideracións recibidas na información pública.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense co que a Xunta está a executar 16 km de itinerarios cun orzamento de 7,1 M€, e nos que se está a avanzar a ritmo intenso. Este mesmo luns a conselleira estivo en Esgos para anunciar a licitación dos novos itinerarios das Vendas e de Santa Baia, que beneficiarán tamén aos veciños do Pereiro de Aguiar e nas que a Xunta investirá 1,1 M€.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta salientou que a estes itinerarios do Plan de sendas se sumará a actuación prevista na cidade de Ourense: a senda de máis de 5 km que unirá a cidade de norte a sur a través da avenida das Caldas e O Barbaña e que será executada cos fondos Next Generation, cun investimento de 4,5 M€.

Imaxes relacionadas