O presidente da Xunta asistiu hoxe á presentación do proxecto de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Feijóo destaca un investimento de preto de 70M€ para a ampliación do CHUS, aumentando un 30% a súa superficie

Precisa que estas obras permitirán aumentar os espazos en 2 dous 3 edificios, o que suporá actuar en áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama e a área de endoscopias, ademais da ampliación das urxencias pediátricas e a incorporación de sete novos quirófanos

Resalta que, desde 2009 e ata 2025, o Goberno galego terá investido máis de 110 millóns de euros no CHUS, entre obras e equipamentos

Recorda que este proxecto de ampliación forma parte do compromiso do Goberno galego coa remodelación integral do Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.-

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou un investimento de preto de 70 millóns de euros para a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, aumentando un 30% a súa superficie.

 

Durante a presentación do proxecto, Feijóo precisou que estas obras permitirán aumentar os espazos en 2 dous 3 edificios, o que suporá actuar en áreas como o laboratorio de microbioloxía, o hospital de día, a unidade de mama, a área de endoscopias ou a zona de consultas externas, ademais da ampliación das urxencias pediátricas e a incorporación de sete novos quirófanos.

 

Baixo o obxectivo de licitar as obras nun prazo de tres meses, o titular do Executivo autonómico salientou que esta ampliación dará continuidade ás obras xa realizadas como a ampliación das Urxencias, postas en marcha en 2020 e nas que se investiron 1,6 millóns de euros; ou a creación da nova unidade de ictus, que comezou a funcionar en 2021. “E sumarase tamén ás que temos en marcha, como a reforma da farmacia -3M€- e a reforma da UCI, a piques de rematar”, engadiu.

 

Feijóo aproveitou o acto para referirse tamén ás novas iniciativas que se porán en marcha e que complementarán a ampliación do CHUS, como a creación: dun centro de protonterapia, nun novo edificio de 4.000 metros cadrados, fronte ao hospital clínico; e dun novo edificio de investigación.

 

“En definitiva, desde 2009 e ata 2025, entre obras e equipamentos teremos investido máis de 110 millóns de euros en mellorar o CHUS”, dixo, a modo de resumo, recordando que todas estas obras forman parte do compromiso do Goberno galego coa remodelación integral do Servizo Galego de Saúde.

 

Un compromiso que tamén se estende á Atención Primaria, como se pon de manifesto na capital de Galicia, coa construción dun novo centro de saúde no barrio de Galeras; coas obras de mellora nos ambulatorios de Vite, Concepción Arenal e Fontiñas; e co próximo investimento de 4 millóns de euros na reforma do Centro de Saúde de Conxo.

Imaxes relacionadas