O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitan os expositores da praza da Constitución

A Xunta pon en marcha unha campaña de fomento da lectura coincidindo co inicio das feiras do libro

    Empregando a frase da escritora Emily Dickinson ‘Para viaxar lonxe non hai mellor nave que un libro’, esta iniciativa institucional oriéntase a impulsar hábitos de lectura, apoiar ao sector editorial e reforzar a proxección exterior das letras

    O Goberno autonómico é o principal patrocinador das feiras impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia que percorrerán ata agosto 13 vilas e cidades

Ferrol, 22 de abril de 2022.-A Xunta de Galicia vén de por en marcha unha campaña de fomento do libro e da lectura coincidindo co inicio do circuíto de feiras do libro en Ferrol, onde o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada da Xunta, Martina Aneiros, fixeron un percorrido polos sete expositores que ata o domingo se poden visitar nesta cidade.

O apoio da Xunta ao circuíto de feiras, do que é o principal patrocinador, enmárcase nas accións de promoción do libro e da lectura que se impulsan coa nova campaña institucional. Empregando a frase da escritora Emily Dickinson Para viaxar lonxe non hai mellor nave que un libro, a iniciativa visibiliza e conciencia sobre a importancia de reforzar os hábitos de lectura, tamén alude ao crecemento de lectores rexistrado de xeito especial nos últimos anos

Na súa visita aos expositores, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor a importancia deste tipo de eventos como “dinamizadores” do libro e da lectura entre os cidadáns, aos que animou a achegarse á praza da Constitución de Ferrol para participar das novidades editoriais ao tempo que gozar das distintas actividades (entre obradoiros, charlas, presentacións, contacontos...) dirixidas a todos os públicos e, especialmente, aos máis pequenos. 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade reiterou tamén o compromiso e o apoio do Goberno galego ao sector a través de convenios como o asinado coa Federación de Librarías para as Feiras, por un importe de 160.100€. Tamén aludiu a distintas liñas específicas de axudas coas que o Goberno autonómico colabora para apoiar aos sector do libro. En concreto, para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais, subvencións ás empresas editoriais que acadan os 1,6 M€. Ademais, estanse a retomar a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.

Día do Libro

As Feiras do Libro 2022, organizadas e impulsadas pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta, ábrense hoxe no marco do Día do Libro e estenderanse e ata finais de agosto en 13 localidades. Tras Ferrol, no mes de maio celebraranse as feiras de Santiago de Compostela (do 1 ao 8 de maio), de Lugo (do 17 ao 22 de maio) do O Porriño (do 26 ao 29 de maio). Posteriormente engadiranse paradas en Vilalba (do 3 ao 5 de xuño), en Ourense (do 8 ao 11 de xuño), en Vigo (do 1 ao 7 de xullo), Ponteareas (do 14 ao 17 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto das letras chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15) e Monforte de Lemos (do 24 ao 27).

 

Tamén no marco Día do Libro, as bibliotecas públicas de xestión autonómica programan estes días ao redor dunha vintena de actividades entre contacontos, obradoiros, mostras bibliográficas sesións de teatro ou de maxia para promover hábitos de lectura entre todos os públicos. A programación completa pode consultarse na web de Cultura de Galicia.

Actividade en Soutomaior

Tras a inauguración da Feira do Libro de Ferrol, xa pola tarde o secretario xeral de Cultura desprase ao concello pontevedrés de Soutomaior para participar nos actos organizados polo Concello con motivo do Día do Libro.

 

Así pois, Anxo M. Lorenzo súmase ás múltiples actividades sobre literatura, lectura e creatividade previstas entre hoxe e mañá sábado na Alameda Talo Río.

Imaxes relacionadas