A Xunta destina 4,8 M€ en axudas a 113 explotacións agrogandeiras de Deza e Tabeirós coa orde de plans de mellora e incorporación de mozos

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, informou desta concesión nunha visita a Gandeiría Coto, beneficiaria destas achegas en anos anteriores

As comarcas, que reciben o 80% das axudas da provincia, acometen 67 plans de mellora cunha achega de 3,2 M€ e incorporaron 41 mozos ao sector no último ano grazas a unha partida de 1,5 M€

Lalín, con 37 subvencións, seguido de Rodeiro e Dozón, con 23 e 21, respectivamente, son os municipios coa cifra máis elevada de beneficiarios da provincia de Pontevedra

As solicitudes aprobadas nas comarcas centráronse sobre todo nas actividades de vacas de leite (47), aves de carne (18), porcos de ceba (17), vacas de carne (11) e hortalizas (7)
 

Rodeiro, 22 de abril de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, outorgou axudas por 4.839.282 euros a prol de 113 explotacións e produtores agrogandeiros das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro da liña de axudas para plans de mellora, incorporación de mozos/as á actividade agraria e pequenas explotacións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, informou esta mañá destas concesións nunha visita a Gandeiría Coto SC, emprazada na parroquia de Vilela e beneficiaria destas achegas en convocatorias anteriores.

“As comarcas de Deza e Tabeirós-Montes son o gran motor agrogandeiro da provincia e por iso a Xunta de Galicia ten un constante compromiso co seu desenvolvemento, progreso e futuro, que se demostra cos feitos e con este apoio, de case 5 millóns de euros nun ano, para que sigan enchendo as nosas despensas e xerando riqueza e emprego”, explicou o representante autonómico.

En concreto, a Consellería do Medio Rural favoreceu o desenvolvemento de 67 plans de mellora no último ano cunha achega de 3.204.782 euros e impulsou a incorporación de 41 mozos e mozas á actividade agraria cunha axuda global de 1.559.500 euros, ao tempo que colaborou con 75.000 euros en proxectos de pequenas explotacións. Estas achegas supoñen máis do 80% das outorgadas en toda a provincia de Pontevedra a través destas tres ordes de axudas, que na convocatoria deste ano repartirán 37,5 millóns de euros en toda Galicia.

En canto á distribución por municipios destas tres liñas, Lalín, con 37 beneficiarios, seguido de Rodeiro e Dozón, con 23 e 21, respectivamente, son os municipios coas cifras máis elevadas da provincia. Nas comarcas tamén figuran subvencións para 11 iniciativas de Agolada, oito da Estrada, seis de Silleda, catro de Vila de Cruces e tres de Forcarei coa seguinte distribución pormenorizada:

 

Concello

Incorporación de Mozos/as

Plans de Mellora

Pequenas Explotacións

Axuda
Total

Lalín
13
24
0
2.109.122 €
Silleda
1
4
1
305.460 €
Cruces
2
1
1
87.976 €
Rodeiro
8
15
0
1.701.526 €
Agolada
5
4
2
610.382 €
Dozón
7
14
0
1.312.989 €
A Estrada
4
3
1
258.565 €
Forcarei
1
2
0
135.700 €


En canto aos sectores de actividade agrogandeira e hortícola que foron impulsados por estas achegas, os proxectos aprobados centráronse en vacas de leite (47), aves de carne (18), porcos de ceba (17), vacas de carne (11) e hortalizas (7), principalmente, aínda que tamén hai de xatos de ceba, polos de curral, coellas, enxames e poñedoras de ovos, con dous cada un, e poñedoras campeiras e froiteiras, con un, respectivamente.

Visita a Gandeiría Coto

Por outra banda, o delegado territorial aproveitou para visitar as instalacións de Gandeiría Coto SC, xestionada por Xabier Vázquez Pardo e os seus pais Miguel e María, e para coñecer os investimentos e melloras realizados coas axudas da Xunta.

Esta explotación, adicada ao gando bovino de produción de leite e que supera o cento de cabezas, executou un plan de mellora consistente na construción dun cortello, unha fosa coa súa cubrición e unha sala de muxido. Ademais, en anos anteriores tamén recibiu achegas polo programa de incorporación de mozos á actividade agraria e para a adquisición de maquinaria, así como das partidas da Política Agraria Común (PAC).

Imaxes relacionadas