A Xunta ofrece a súa colaboración ao tecido empresarial para reforzar a súa competitividade no actual contexto económico

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia na que subliñou as distintas liñas de apoio do instituto para este ano, baseadas na innovación, no emprendemento, no financiamento e na internacionalización

Destaca que o Galicia Exporta Dixital ten aberto ata o 25 de abril o prazo de presentación de solicitudes na procura de apoiar a pemes no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital, mentres que o cheque dixital permitiu ata o de agora colaborar con preto de 2400 autónomos e pequenas empresas, que accederon a máis de 9M€ en axudas

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santiago nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Galicia para ofrecer ao tecido empresarial galego a súa colaboración a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado pola invasión rusa de Ucraína e a saída da pandemia.

 

“A transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados son os factores máis influentes na competitividade das empresas e desde a Xunta vimos apostando por eles para avanzar cara a un modelo económico máis forte e con maior valor engadido”, incidiu o director do Igape, que salientou a importancia de facilitar información sobre as distintas liñas que está a promover o Instituto. Un marco no que, avanzou, nas vindeiras semanas manteranse encontros similares organizados coas confederacións empresariais das catro provincias. 

 

Neste marco, Guldrís expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación, entre as que destacou algunhas das que está a promover o Igape, como as axudas á dixitalización das pemes, que duplicaron o ano pasado a contía dos apoios, permitindo que máis de 200 autónomos e pequenas e medianas empresas impulsen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización de 13,6 millóns.

 

Así mesmo, continuou o director, o programa Galicia Exporta Dixital ten aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro día 25 de abril. Unha iniciativa coa que, como lembrou, procúrase apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital.

 

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

 

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados.

 

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia

 

Fondos Next Generation

Neste escenario, no encontro tamén se puxo en valor a importancia dos fondos europeos Next Generation, que supoñen unha oportunidade para facilitar a transformación económica e social do tecido produtivo galego. A Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante estes fondos, que se canalizan en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte).

 

Entre os Perte xa en marcha, destaca a importancia do centrado no Vehículo Eléctrico e Conectado; o Perte da Saúde de Vangarda; o de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento; e o da cadea Agroalimentaria Intelixente e Sostenible. Todos eles xa aprobados polo Goberno central e no marco dos cales Galicia aspira a impulsar diferentes proxectos transformadores da industria que contribúan, tamén, ao impulso tecnolóxico das pemes da comunidade.

 
 
Experiencias de proxectos empresariais

No encontro tamén se contou coa participación de responsables da empresa Papelera de Brandia que, desde a súa experiencia, destacaron a importancia de coñecer as distintas iniciativas que a Xunta pon ao dispor de pemes e autónomos para o impulso de novos proxectos de investimento, innovación,  dixitalización ou internacionalización.

Imaxes relacionadas