A Xunta e a Fundación 'La Caixa' afondarán na cooperación para o desenvolvemento sociosanitario, cultural, educativo e científico de Galicia

Feijóo e Fainé asinan un novo convenio polo que se achegan 12,5 millóns de euros este ano e que pon o aceno na mellora da calidade de vida dos cidadáns máis vulnerables

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa” afondan na súa cooperación a través dun novo convenio polo que a entidade destina este ano 12,5 millóns de euros a impulsar o desenvolvemento sociosanitario, cultural, educativo e científico de Galicia. Asinárono esta mañá o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Fundación “La Caixa”, Isidro Fainé.

 

O obxectivo deste acordo é potenciar os recursos sociais, económicos e técnicos cos que Galicia conta para o desenvolvemento de actividades nos diferentes eidos de acción e en toda a comunidade. Este convenio volve a poñer o aceno, de xeito especial, nas persoas e colectivos máis vulnerables.

 

Así, no eido social pretende colaborar na mellora das condicións de vida dos maiores, das persoas con discapacidade ou daquelas que se atopan nunha situación de risco social. Para iso, levaranse a cabo programas e axudas contra a pobreza infantil; para promover o emprego; para a atención integral de persoas con enfermidades avanzadas; para favorecer envellecemento activo e previr o illamento; e para financiar proxectos levados a cabo por entidades sociais. Ademais, e como novidade, inclúese no convenio a posibilidade de colaboración no ámbito da dinamización do medio rural.

 

No ámbito cultural e científico, programaranse exposicións e concertos e realizarase unha colaboración extraordinaria no marco da celebración do ano Xacobeo. Así mesmo, a nivel educativo, a Fundación “La Caixa” outorgará becas para estudantes universitarios e desenvolverase o programa EduCaixa, para toda a comunidade educativa.

 

Por último, no campo da investigación e a saúde impulsarase a formación de científicos mozos, colaborarase con centros e programas de investigación e organizaranse exposicións e actividades.

Imaxes relacionadas