A Xunta inicia o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública en Ferrol

Poden optar aquelas persoas que se atopen inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda coa cidade como concello preferente

Martina Aneiros lembra que ata o vindeiro 15 de xullo os propietarios de Ferrol Vello poden presentar ofertas de venda de inmobles no marco do programa Rexurbe
 

Ferrol, 23 de abril de 2022

A Xunta de Galicia iniciou hoxe o proceso de adxudicación de 9 vivendas de promoción pública a outras tantas familias en Ferrol.

 

A Comisión Provincial de Vivenda do Instituto Galego da Vivenda e Solo deu conta destes avances na súa reunión celebrada hoxe na Coruña.

 

En concreto, deu inicio o proceso de selección de adxudicatarios para 5 vivendas de promoción pública, en segundas ou posteriores adxudicacións, localizadas na rúa Fonte da Greza, no barrio de Caranza. Trátase de inmobles de entre 40,75 e 55,60 metros cadrados, de 1 ou 2 habitacións, e con garaxe e rocho.

 

Neste caso, son aloxamentos protexidos que se adxudicarán en réxime de alugueiro e destinados a persoas maiores de 60 anos ou menores de 35 anos, con ingresos de entre 0,7 e 2,5 veces o Índice público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

 

O sorteo está previsto para o vindeiro mes de maio. Cómpre lembrar que poden optar a estas vivendas aquelas persoas que se atopen inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda a día de hoxe, co concello de Ferrol como municipio preferente.

 

Por outra banda, a Xunta deu conta doutras 4 vivendas de promoción pública que, despois de ser reparadas, se inclúen desde hoxe no proceso selección de persoas adxudicatarias. Están localizadas na rúa Aciñeira, no barrio de Catabois; e na rúa Mestre López Dafonte, na avenida Castelao e na rúa Lepanto, en Caranza. Neste caso, teñen entre 56 e 71,96 metros cadrados e son de 2 ou 3 habitacións.

 

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, subliñou que a aposta do Goberno galego pola vivenda pública na cidade “é unha realidade” e que a Xunta “traballa a diario para tratar de que os colectivos máis vulnerables non só teñan un lugar onde vivir, se non que o poidan converter nun verdadeiro fogar”.

 

Neste sentido, lembrou que ata o vindeiro 15 de xullo os propietarios de Ferrol Vello poden presentar ofertas de venda de inmobles no marco do programa Rexurbe, co obxectivo de que sexan rehabilitados pola Xunta e destinados a vivenda pública. No caso da urbe naval, a previsión deste ano é destinar 200.000 euros.