O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa no instituto Laxeiro de Lalín nunha mesa redonda sobre o autor no marco da programación conmemorativa

Román Rodríguez refírese ás oportunidades que está a brindar o Ano Laxeiro para estender o seu legado entre as novas xeracións e fomentar a creatividade

    Agradece a implicación do instituto dezano na divulgación da arte de vangarda dun dos seus conveciños “e levar o nome de Laxeiro por bandeira”

    Refírese á importancia de fomentar desde a vila natal do autor “o percorrido vital e reivindicar o peso de Laxeiro dentro como fóra de Galicia”

Lalín (Pontevedra), 22 de abril de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, abriu a mesa redonda arredor da figura de Laxeiro que organiza o instituto IES Laxeiro no marco da programación especial levada a cabo este ano na honra do autor.

No transcurso do acto, o titular de Cultura da Xunta referiuse ás múltiples oportunidades que esta efeméride está a brindar para estender o legado do autor entre as novas xeracións e fomentar a creatividade artística. En concreto, agradeceu o papel do instituto “que leva a Laxeiro como bandeira e que contribúe a que seus alumnos teñan o privilexio de levar con eles o nome dun dos maiores xenios da arte e da cultura galegas”, expresou.

Puxo como exemplo a posta en marcha desta mesa redonda que se enmarca nunha programación “ampla e diversa” que durante todo este ano está a promover o legado de Laxeiro tanto en Galicia como fóra dela e á que se suman exposicións, propostas académicas e tamén material didáctico que se está a ultimar en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes.

Román Rodríguez salientou, ademais, a importancia de promover o legado do autor desde a súa vila natal. “Laxeiro inspirábase sobre todo na realidade cotiá de Lalín e de toda a comarca do Deza para as súas pezas, por iso, é importante fomentar tamén desde Lalín o percorrido vital do autor e reivindicar aquí o peso de Laxeiro na arte de vangarda”, engadiu.

Ampla programación

A mesa redonda organizada hoxe contou coa participación de Javier Pérez, director artístico a Fundación Laxeiro; Marina Toba, comisaria de exposicións, e Cecilia Doporto, doutora en Historia da Arte. Tamén Lalín acolle estes días a exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970) cunha trintena de pezas da súa madurez e que, visitará despois Madrid, Santiago e París. Haberá diferentes actividades durante o ano en distintos puntos de Galicia e fóra dela como a celebración dun simposio en Santiago de Compostela e na Coruña, propostas no eido audiovisual, entre outras.

Imaxes relacionadas