Conde destaca o papel da economía social na recuperación por ser un modelo máis sustentable, inclusivo e igualitario

    O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou nun encontro organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) que a recuperación ten que sustentarse sobre eses principios e valores para construír a Galicia do futuro cunha economía feita para as persoas

    Apunta que sobre esa idea pivota a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, que ten como último fin o benestar das galegas e galegos

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2022.- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, interveu no encontro Cafés con aroma a... economía social, organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal), destacando que a Xunta está plenamente comprometida con este ámbito por ser un modelo económico máis sustentable, máis inclusivo e máis igualitario.

 

No encontro, no que tamén participou a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, salientou que a recuperación económica no contexto actual ten que sustentarse sobre eses principios e valores, que son máis necesarios ca nunca para construír a Galicia do futuro, “unha Galicia dixital, verde e cohesionada ao abeiro do Plan Estratéxico 2022-2030”. Así, sinalou que o reto para os vindeiros anos é que haxa moitas máis empresas e entidades dedicadas a explorar a dimensión social dunha economía feita para as persoas.

 

O vicepresidente económico remarcou que sobre esa idea se fundamenta a candidatura de proxectos que Galicia presenta aos fondos europeos Next Generation, porque, a través da colaboración público-privada, todas as iniciativas teñen como último fin o benestar das galegas e galegos. Entre elas, destacou as encamiñadas á xestión sustentable dos bosques, con exemplos como a fábrica de fibras téxtiles, para que a reciclaxe neste sector forme tamén parte do proceso produtivo, abrindo novas oportunidades para a economía social desde a industria forestal e téxtil; os proxectos de mobilidade eléctrica e conectada; e as iniciativas para avanzar nunha administración máis dixital, en eidos como a saúde e o ensino.

 

Tamén destacou as iniciativas para favorecer a implantación de enerxías renovables, para avanzar nos obxectivos de descarbonización e tamén contribuír a estabilizar o prezo eléctrico. Neste sentido, apuntou que a transición enerxética, se non se fai atendendo ás necesidades das persoas, non vai ser xusta, facendo fincapé en que o Goberno está faltando a este principio ao non adoptar medidas máis contundentes para rebaixar o prezo da luz ou os carburantes.

 

Desde a Xunta avógase por unha transición enerxética social, defendendo un desenvolvemento do sector compatible co medio natural e a través dun conxunto de programas de axuda que suman 128 millóns de euros co obxectivo de fomentar o autoconsumo e eficiencia enerxética, a instalación de renovables en fogares e empresas ou na industria, e tamén impulsando as comunidades enerxéticas locais, produtoras e consumidoras da súa propia enerxía de orixe renovable, ás que se destinan 31,3 millóns de euros.

 

Conde destacou as vantaxes deste modelo, que, ademais de rebaixar os custos enerxéticos dos socios, que poden ser particulares, pemes ou administracións, permiten aproveitar os recursos renovables alí onde están. Do mesmo xeito, apuntou que contribúen ao desenvolvemento social e económico do territorio.

 

Neste ano 2022 no que Santiago de Compostela exerce como Capital Española da Economía Social, o responsable de Economía, Empresa e Innovación sinalou que este liderado é seguramente merecido porque Galicia foi a primeira comunidade autónoma en aprobar unha Lei de economía social, a segunda en elaborar un Libro branco, e conta ademais coas achegas do Consello da Economía Social de Galicia para fortalecer este sector. Na Comunidade a economía social representa o 7% do PIB, ao que pertencen máis de 7.000 empresas e entidades (cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, e mutualidades) cun denominador común: priorizan o fin social.

 

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación sinalou que a economía social lembra a necesidade de crecer poñendo as persoas no centro da estratexia, facendo fincapé en que son as persoas, a través do talento e o coñecemento, o motor e as principais beneficiarias dun novo modelo produtivo máis dixital, sustentable e igualitario.

 
 
 
 

Pola súa banda, a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, que foi a encargada de pechar a xornada, incidiu no papel referente de Galicia no fomento e apoio a esta fórmula empresarial e valorizou a aposta da Xunta pola economía social, á que destinará este ano máis de 35 millóns de euros, un 6,1% máis que o ano anterior.

 

Toca destacou que programas como Aprol Economía Social (3,8M€), ES-Transforma (2,5M€), Bono Consolida (2,8M€), ES-Factory (600.000 euros) ou Es-Próxima (125.000 euros) seguirán a propulsar a incorporación de persoas traballadoras ás entidades, a remuda xeneracional de negocios, o emprendemento e a creación dun selo de identidade para o sector en Galicia.

 

A Estratexia Galega de Economía Social 2019-2021 supuxo un investimento de máis de 89 millóns de euros, e o desenvolvemento de medidas concretas para máis de 3.000 entidades que dan emprego a máis de 14.000 persoas. A Xunta traballa xa nun novo documento que seguirá o obxectivo de impulsar novas fórmulas empresariais co fin de xerar emprego de máis calidade, e para construír entre todos unha Galicia máis igualitaria e con máis oportunidades.

Imaxes relacionadas