A Xunta traslada o seu apoio ao complexo hoteleiro La Cabaña de Palas de Rei para que poida recuperar toda a súa actividade canto antes

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións, que resultaron afectadas por un incendio a pasada semana
 
A Administración autonómica ofrece asesoramento e acceso ás súas liñas de financiamento -a través dos préstamos estratéxicos para pemes- mentres non se executan as pólizas de seguro
Palas de Rei (Lugo), 21 de abril de 2022.-

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, trasladou hoxe, no concello lucense de Palas de Rei, todo o apoio da Xunta aos responsables e traballadores do complexo hoteleiro La Cabaña, que resultou afectado polo incendio declarado a pasada semana, para que poidan recuperar canto antes toda a súa actividade.

 

Nunha xuntanza, na que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o vicepresidente segundo explicou que, neste momento, estase na fase de facer balance dos danos para cuantificar perdas e, a partir de aí, avaliar o xeito de poder seguir ofrecendo algún tipo de servizo.
O complexo conta con seis empregados e ofrecía servizos de bar, restaurante -con capacidade para máis de 200 persoas- e aloxamento con 64 prazas.

 

Segundo avanzou Conde, aínda que agora teñen que tomar parte as aseguradoras, a Xunta de Galicia ponse á súa disposición para ofrecer o asesoramento que precisen. Tamén comprometeu os apoios necesarios para a empresa- mentres non se executen as pólizas de seguro- a través dos préstamos estratéxicos para pemes, cunha bonificación da taxa de interese.

 

O vicepresidente económico recoñeceu que un suceso así, do que afortunadamente non hai que lamentar danos persoais, vén complicar aínda máis a difícil situación pola que está pasando o tecido empresarial, e especialmente o hostaleiro, derivado tanto das consecuencias da pandemia como pola crise enerxética e de subministracións. Por iso, expresou o seu desexo de que La Cabaña poida retomar canto antes a súa actividade e minimizar así o máximo posible as perdas.

 

Durante este encontro en Palas de Rei, Conde aproveitou tamén para agradecer, en nome da Xunta de Galicia, a rápida actuación dos equipos de extinción, corpos e forzas de seguridade e a coordinación coa que actuaron todas as administracións implicadas.

Imaxes relacionadas