A Xunta activa a Estratexia Naval 2022-2026 para avanzar cara á recuperación, ao crecemento e á diversificación do sector e aproveitar o Perte aprobado polo Goberno central

Feijóo salienta que o obxectivo é orientar os esforzos dun sector estratéxico nos vindeiros anos, promover a colaboración entre estaleiros e os distintos elos da cadea, e situar Galicia no lugar que lle corresponde ante o Perte do naval

Esta Estratexia, consensuada co sector, perfila tres eixos fundamentais: mellora competitiva, transformación e diversificación

Vigo, 21 de abril de 2022.-

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta vén de activar a Estratexia Naval 2022-2026 para avanzar cara á recuperación, ao crecemento e á diversificación do sector e aproveitar o Perte aprobado polo Goberno central.

 

“O obxectivo é orientar os esforzos dun sector estratéxico nos vindeiros anos; promover a colaboración entre estaleiros e os distintos elos da cadea; incentivar a diversificación dos produtos e mercados, e situar Galicia no lugar que lle corresponde ante o Perte do naval aprobado, por fin, polo Goberno central”, abundou Feijóo.

 

Logo de salientar que esta iniciativa foi consensuada co sector, o presidente da Xunta sinalou que esta Estratexia perfila tres eixos fundamentais -mellora competitiva, transformación e diversificación- e oito eixos de acción.

 

Máis polo miúdo Feijóo explicou que o primeiro ámbito de actuación xira en torno á eliminación e redución das cargas administrativas e á creación dun marco axeitado de apoio. Trátase de promover proxectos tractores susceptibles de ser financiados por fondos europeos de recuperación; realizar un estudo para reducir cargas administrativas; impulsar unha maior coordinación entre ministerios ligados á industria; ou promover coa patronal do sector unha estratexia común para o futuro do naval e coordinar as actuacións dos Estados membros.

 

No tocante ao financiamento, habilitarase unha nova liña de garantías para apoiar a estaleiros e industria auxiliar na eólica mariña, potenciarase a liña de préstamos de liquidez ás empresas auxiliares; promoveranse liñas específicas para renovar a frota pesqueira galega e porase a disposición do sector fondos de capital risco para apoiar a súa consolidación e crecemento.

 

Ademais, segundo anunciou Feijóo, afondarase na cooperación entre estaleiros porque é fundamental “para acadar economías de escala, para o acceso conxunto a proxectos e para áreas como a eólica mariña flotante, un eido no que Pymar e Navantia van colaborar”. Nesta liña, tamén se incidirá na internacionalización e a busca de novos mercados a través, por exemplo, das antenas do Igape para entrar en mercados estranxeiros.

 

A maiores, apoiarase a dixitalización -con programas de axuda para implantar estaleiros 4.0- e a innovación a través de instrumentos financeiros dirixidos a aplicar novas tecnoloxías, optimizar a xestión e promover a descarbonización.

 

E, nesa liña, no eido da sustentabilidade, Feijóo fixo fincapé na aposta da Estratexia pola produción e uso do hidróxeno verde, pola reparación sustentable de buques, por un maior papel dos estaleiros en sectores ligados á enerxía alternativa e pola compra pública innovadora.

 

Finalmente, Feijóo incidiu na importancia de potenciar o talento mediante programas de capacitación profesional, da homologación de certificados de profesionalidade e dos plans de formación e reciclaxe de traballadores.

 

O presidente da Xunta concluíu aseverando que o obxectivo é que esta Estratexia, que se ensambla co Perte aprobado polo Goberno, reactive o sector naval en aqueles estaleiros con dificultades e que manteña a carga de traballo nos estaleiros que están traballando nas rías de Vigo, Pontevedra e Ferrol.

Imaxes relacionadas