A Xunta outorga 3,7 M€ en axudas para promoción e comercialización de viño e para reestruturación da vide a 80 adegas e produtores da D.O. Rías Baixas

— O delegado territorial, Luis López, informou da concesión destas achegas para mellorar a produción e a internacionalización do sector nunha visita a Bodegas Martín Códax en Cambados
— Dezaseis adegas e o Consello Regulador recibiron 2,1 M€ ao abeiro das ordes para promoción do sector vitivinícola en terceiros países e para elaboración e venda de produtos do viño de 2021
 

Cambados, 21 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de outorgar axudas por 3,7 millóns de euros a prol de 80 adegas e produtores da Denominación de Orixe (D.O.) Rías Baixas ao abeiro das liñas de promoción, elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e de reestruturación e reconversión de terreos de vide de 2021.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, informou da concesión destas achegas, orientadas a mellorar a produción e a internacionalización do sector, nunha visita ás instalacións de Bodegas Martín Códax en Cambados.

Neste acto, que incluíu un percorrido pola adega, a sala experimental e a zona de embotellado, estivo acompañado polo presidente de Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue; os directores xeral e técnico, Juan Vázquez e Miguel Tubío, respectivamente; e outros membros do seu consello reitor.

“Estamos nunha empresa que é un perfecto exemplo do que é a Galicia do século XXI e, no nome da Xunta, quero destacar o seu gran traballo para a xeración de riqueza e emprego, especialmente no medio rural, para producir viños de altísima calidade e para exercer, a través deles, de embaixador de Galicia en todo o mundo”, sinalou o representante autonómico, antes de interesarse polos seus plans de promoción, elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, que recibiron o apoio da Xunta con mais de 400.000 euros.

Antes da visita, o delegado territorial desglosou as tres liñas de axudas da Consellería do Medio Rural para o sector, que supuxeron en 2021 unha achega de 963.415 euros para doce adegas e o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas para medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países.

Así mesmo, informou de que tamén se concederon outras 17 achegas a empresas desta Denominación de Orixe por importe de 1.181.619 euros para investimentos orientados á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

Finalmente, e ao abeiro da orde de axudas para reestruturación e reconversión da viña de 2021, a Consellería do Medio Rural outorgou un total de 77 axudas na zona de Rías Baixas -22 para as principais adegas e 55 para pequenos produtores- por un importe de 1.582.494 euros. Cabe engadir que a convocatoria de 2022 destas achegas aínda está aberta e as axudas poden solicitarse deica o vindeiro 2 maio.

Imaxes relacionadas