O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, fixo balance na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego desta axuda

O programa Bono Concilia da Xunta beneficiou a máis de 15.000 familias galegas nos últimos cinco anos

A partir de setembro todas as nais e pais poderanse beneficiar da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos, polo que este é o último curso no que esta axuda está vixente

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- Máis de 15.000 familias con nenas ou nenos de entre 0 e 3 anos beneficiáronse do programa Bono Concilia nos últimos cinco cursos escolares. Así o indicou hoxe o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que fixo balance desta axuda económica mensual ideada para que as familias poidan levar aos seus pequenos á escola infantil que mellor se adapta ás súas circunstancias cando non acadan praza nunha pública.

 

Jacobo Rey destacou que este é o último curso en que o Bono Concilia está vixente, pois a partir do vindeiro a atención educativa de 0 a 3 anos será de balde en Galicia, o cal fai innecesaria esta axuda. De feito, lembrou que no actual curso 2021-2022 só acceden a este bono os primeiros irmáns, dado que os segundos e sucesivos benefícianse xa da gratuidade.

 

O director xeral de Familia apuntou que no presente curso aumentou nun 10% o número de beneficiarios do Bono Concilia, ata situarse en 1555 as axudas aprobadas. Ao respecto, indicou que esta cifra está na liña do aumento de matriculacións rexistrado nas escolas infantís, que tamén se situou no 10% e que obedece, fundamentalmente, á mellora na situación epidemiolóxica e a implantación da gratuidade para segundos imáns e sucesivos.

 

Imaxes relacionadas