A Xunta apoia a proposta dos concellos de Portomarín, Guntín, O Páramo e Paradela para crear unha agrupación de voluntarios de protección civil supramunicipal

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantiveron unha reunión con representantes dos concellos para avanzar nun servizo mancomunado que cubra este territorio, atendido na actualidade pola AVPC de Portomarín

O Goberno galego destaca a importancia da prestación conxunta dos servizos de emerxencias entre as entidades locais para acadar unha maior eficacia na atención ás incidencias

Santiago Villanueva puxo en valor o traballo da AVPC de Portomarín por velar pola seguridade dos cidadáns deste concello e dos municipios limítrofes, así como dos peregrinos que percorren o Camiño Francés

A Xunta leva investidos 18M€ nas agrupacións da comunidade en apoio aos seus gastos de funcionamento e na dotación de material de emerxencias

Lugo, 21 de abril de 2022.- 

 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantiveron hoxe unha reunión para avanzar na proposta dos concellos de Portomarín, Guntín, O Páramo e Paradela de converter a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Portomarín nunha agrupación supramunicipal que integre ás catro entidades locais e dea cobertura a este territorio a través dun servizo mancomunado.

 

Santiago Villanueva destacou que iniciativas deste tipo relacionadas coa prestación conxunta dun servizo tan esencial para a cidadanía como as emerxencias permite levar a cabo as intervencións de protección civil con maior eficacia e eficiencia, ao mesmo tempo que se contribúe ao aforro e á racionalización do uso dos recursos municipais.

 

A AVPC de Portomarín, creada en 2012, atende as emerxencias deste concello e dos limítrofes con actividades de prevención e intervencións co obxectivo de garantir a seguridade da cidadanía. Ademais, presta asistencia aos milleiros de peregrinos que realizan o Camiño Francés. O director xeral de Emerxencias e Interior destacou que esta atención ten máis relevancia se cabe neste Xacobeo 21-22 no que se están a acadar cifras históricas no Camiño de Santiago, tamén nesta ruta xacobea que concentra máis da metade dos camiñantes.

 

A Xunta mantén o compromiso coas AVPC da comunidade para dotalas do equipamento necesario e apoia o seu mantemento, de maneira que poidan realizar o seu traballo con seguridade e prestar un servizo eficiente.

Por unha parte, coas axudas anuais coas que o Goberno galego financia os gastos das agrupacións dos concellos de menos de 50.000 habitantes, ás que este ano destinou 340.000 euros.

Por outra banda, mediante reforzo do equipamento das agrupacións, cun orzamento de 1 millón de euros na convocatoria de axudas do ano pasado, a través da que se dotaron a distintas AVPC de 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, 6 remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, 8 coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.

En total, nos últimos anos a Xunta leva destinados 18 millóns de euros en apoio ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, máis de 4 millóns para sufragar os seus gastos de funcionamento e máis de 14 millóns de euros no reforzo do seu equipamento.  

A Xunta aposta ademais pola formación neste ámbito desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) con distintos módulos dirixidos a mellorar a preparación dos efectivos dos servizos de emerxencias e poder contar así con profesionais ben formados e preparados que realicen o seu traballo diario con eficacia.

Imaxes relacionadas