A Xunta recibe 4 ofertas de empresas para executar as obras de conservación da ponte Ceilán na Ac-550 ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes, cun investimento de 505.000 €

Con estes traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, reforzarase a seguridade do peón mediante a substitución da varanda actual por unha nova

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas para executar as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes, que suporán un investimento autonómico de 505.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actuará neste ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co obxectivo de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda actual por unha nova.

 

Para acometer esta intervención, que conta cun prazo de execución de 6 meses, o contrato prevé que a varanda veña xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.

 

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.

 

Ademais procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.

 

A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.