Cinco entidades financeiras participan xa no programa da Xunta para que as estacións de servizo poidan facer fronte aos anticipos dos descontos nos combustibles

    Abanca, Banco Santander, BBVA, Sabadell e Caixa Rural Galega son as compañías coas que as empresas do sector poden tramitar xa os seus préstamos

    A Xunta inclúe esta medida dentro do seu Plan de Choque para facer fronte ao actual contexto económico para paliar o problema de liquidez ao que se enfrontan as gasolineiras ao ter que desembolsar os descontos establecidos polo Goberno central

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- Un total de cinco entidades financeiras (Abanca, Banco Santander, BBVA, Sabadell e Caixa Rural Galega) sumáronse xa ao programa da Xunta de Galicia para que as estacións de servizo poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes. O Executivo galego inclúe esta medida dentro do seu Plan de Choque para facer fronte ao actual contexto económico porque o desconto activado polo Goberno central está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez.

 

Trátase dunha liña de reavais por 60M€ que ten como obxectivo  facilitar liquidez a todas as empresas galegas —con especial atención ás estacións de servizo— para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3000 e os 300.000€, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro.

 

No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% -o 20% no caso das gasolineiras- que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.

 

Este programa ponse en marcha a través dun convenio entre o Igape -dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación-, as sociedades de garantía recíproca (SGR) e entidades financeiras, mediante o cal se avalarán operacións por un máximo de 80M€.

 

A contía restante (20 millóns de euros) é para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante.

 

No que respecta ás outras dúas liñas, están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.