O mellor fútbol base europeo e a solidariedade danse a man no Torneo Internacional Jealsa de Boiro

O secretario xeral para o Deporte destacou que todos os nenos e nenas desfrutarán da "grande festa do fútbol base europeo" tras dous anos de parón obrigado pola pandemia na que os rapaces deron unha lección de comportamento

Boiro (A Coruña), 20 de abril de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o Torneo Internacional Jealsa de Fútbol Base que terá lugar no Campo de Barraña de Boiro o vindeiro 28 e 29 de maio e que contará coa participación de sesenta equipos galegos, nacionais e mesmo internacionais. Lete Lasa asegurou que, neste evento, "danse a man o mellor fútbol base europeo e a solidariedade", facendo fincapé en que o organizador, Julio Mariño, destina boa parte dos ingresos recadados á Fundación Aladina, que traballa en labores de coidado e acompañamento a nenos enfermos de cancro durante todo o proceso da enfermidade.

Lete Lasa destacou a calidade dun torneo no que participan equipos internacionais como o Vitória de Guimarães, Porto e Benfica de Portugal ou o BB Rotterdam dos Países Baixos; equipos nacionais como o Leganés, Zaragoza ou Villarreal; equipos galegos como o Dépor, Celta, Compostela, Racing de Ferrol; así como equipos do Barbanza como Cidade de Ribeira, Puebla, Crocha, Taragoña, Unión e EFM Boiro, anfitrión e organizador.

O mandatario galego destacou que o torneo boirense será "a grande festa do fútbol base europeo" tras dous anos de parón obrigado pola crise sanitaria. Unha festa que desfrutarán todos os nenos e nenas que "durante a pandemia nos deron unha lección de comportamento e que desde hoxe poden estar nas súas aulas sen máscara".    

O secretario xeral tivo palabras de agradecemento tamén para o Concello de Boiro e para os principais patrocinadores como Jealsa e recalcou a importancia dun torneo que ano tras ano, mesmo nas edicións que non se celebraron, representa unha axuda tan importante para a Fundación Aladina e para a boa marcha do deporte base galego.

Imaxes relacionadas