A Xunta colabora coa Asociación de Veciños Santa Mariña de Berdía na reforma e adquisición de equipamento para o local sociocultural

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Natalia Prieto lembrou que a Xunta incrementou o orzamento da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria nun 20 %, ata acadar os 3 M€

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.-

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou hoxe as melloras levadas a cabo no local sociocultural da Asociación de Veciños Santa Mariña de Berdía, en Santiago de Compostela, que se beneficiou dunha axuda de 17.000 euros do plan específico de acción comunitaria posto en marcha polo Goberno galego.

A entidade veciñal compostelá recibiu desta liña de axudas da Dirección Xeral de Administración Local 12.000 euros para obras e 5.000 máis para equipamento. O Goberno galego colaborou así na mellora do centro sociocultural, coa adecuación da instalación eléctrica, a reforma para instalación dunha cociña, a eliminación de barreiras arquitectónicas na planta baixa e a instalación de enreixado nas fiestras da planta baixa, ademais de na adquisición de material audiovisual e de mobiliario para o local.  

Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20 % con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

A orde de subvencións para este ano inclúese no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Os investimentos van destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e a compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

Imaxes relacionadas