A Xunta impulsa os oficios artesanais no I Foro de Talento e Emprego de Galicia

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Vigo nunha mesa redonda sobre formación profesional, na que destacou a importancia da remuda xeracional e da chegada dos novos talentos

Vigo, 20 de abril de 2022.- A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, destacou esta mañá a importancia dos oficios artesanais como proposta de futuro para as novas xeracións nunha mesa de debate sobre formación profesional dentro da I Edición do Foro Fundamental. Primeiro Foro de Talento e Emprego de Galicia, que se está a celebrar en Vigo desde onte e ata mañá, dirixido a estudantes, novos emprendedores e persoas desempregadas.

 

Xunto a Fabeiro, participou na mesa redonda a zoqueira Elena Ferro (Vila de Cruces), que dirixe Eferro, un taller familiar de elaboración de zocos con máis de 100 anos de historia e que resultou galardoado co Premio Nacional de Artesanía 2019.

 

A responsable autonómica presentou os oficios artesanais como opción de futuro para os máis novos, incidiu na necesidade da remuda xeracional no sector e nas oportunidades de emprendemento e de formación neste ámbito, á vez que destacou como a artesanía está a incrementar a súa presenza en diferentes ámbitos como a gastronomía, a moda ou a decoración de interiores. 

Imaxes relacionadas