O Sergas publica a relación de admitidos e excluídos e os exentos e non exentos no exercicio de lingua galega no concurso oposición para cubrir 94 prazas de funcionario de saúde pública e administración sanitaria

Resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 1.240 aspirantes para cubrir as 94 prazas que se ofertan

A clase con maior número de admitidos é a de farmacéutico inspector de saúde pública, cun total de 249

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, nas probas selectivas para o acceso a diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

O número total de prazas convocadas neste proceso é de noventa e catro (94), desagregadas nas seguintes clases: farmacéutico inspector de saúde pública (18), inspector farmacéutico (5), inspector médico (19), licenciado en ciencias biolóxicas (3), licenciado en ciencias químicas (5), licenciado en farmacia (6), licenciado en medicina e cirurxía (19), licenciado en psicoloxía (2), ATS/DUE (11) e subinspector sanitario (6).

Nestas probas resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 1.240 aspirantes que se distribúen por clases: farmacéutico inspector de saúde pública (249), inspector farmacéutico (147), inspector médico (64), licenciado en ciencias biolóxicas (56), licenciado en ciencias químicas (66), licenciado en farmacia (162), licenciado en medicina e cirurxía (79), licenciado en psicoloxía (41), ATS/DUE (239) e subinspector sanitario (137).

Resultaron excluídos o 4,5 % dos profesionais inscritos.

Cómpre destacar que o 96 % das inscricións para este proceso formalizáronse por persoas residentes en concellos da nosa Comunidade Autónoma. O 52 % dos admitidos teñen menos de 40 anos e preto do 82 % son mulleres.

Do total de persoas aspirantes admitidas, 1.211 participan pola quenda de acceso libre, catro na quenda de promoción interna e 25 pola quenda de discapacidade xeral.

 

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 4 de maio) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Imaxes relacionadas