O Bono Turístico 'Quedamos en Galicia 2022' xa ten adheridos máis de 800 establecementos de toda a Comunidade e 122 do Salnés

O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentou a nova campaña nunha visita ao Gran Talaso Hotel, que recibíu case 300 tarxetas na convocatoria anterior e ocupou o 12º posto de toda a comunidade

A quenda deste ano xa ten confirmada a participación de 59 locais de Sanxenxo, 25 do Grove, 13 de Vilagarcía e 7 de Vilanova e Cambados, aínda que o prazo de inscrición permanecerá aberto

O bono turístico inxectou o pasado ano case 1,6 M€ no sector da comarca do Salnés e Sanxenxo liderou o ránking galego cunha facturación de 977.850€ ao abeiro desta iniciativa
 

Sanxenxo, 20 de abril de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou a nova convocatoria do Bono Turístico #QuedamosEnGalicia22 nunha visita ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo, que recibíu case 300 tarxetas deste bono o pasado ano, ocupando o 12º posto en toda Galicia e o 6º na provincia de Pontevedra cunha facturación global de 68.254 euros. Sanxenxo foi, de feito, o concello galego onde máis gasto se fixo con esta iniciativa na edición anterior, cunha contía de case un millón de euros.

Na súa visita estivo acompañado polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o director do establecemento, Óscar Fontán; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez; o xefe da Área Provincial de Turismo, Felipe Ferrero; e outros representantes municipais.

“Chegamos á terceira edición do exitoso bono turístico e chegamos con moita forza, xa que posiblemente esteamos no primeiro ano no que non haxa restricións pola pandemia e ademais porque todos temos moitas gañas de saír e moitas gañas de Galicia. Por iso recibimos esa masiva resposta dos galegos e xa estamos apurando todas as cuestións administrativas para que, dende o mes de maio, comecemos a beneficiarnos desta iniciativa e a dinamizar e colaborar co noso potente sector turístico fóra das datas de tempada alta”, explicou o representante autonómico.

Polo demais, Luis López revelou que xa hai 826 establecementos de toda Galicia adheridos a esta campaña turística e que 286 pertencen á provincia de Pontevedra, aínda que deixou claro que a cifra irase incrementando porque o prazo de participación permanecerá aberto.

Así mesmo, recalcou a “forza e peso turístico” da comarca do Salnés, con 122 establecementos, e do Concello de Sanxenxo, que xa ten 59 e lidera a participación en toda a comunidade galega. Cómpre sinalar que, na bisbarra arousana, tamén teñen confirmada xa a súa adhesión ao bono turístico 25 locais do Grove, 13 de Vilagarcía de Arousa, 7 de Vilanova de Arousa, 7 de Cambados, 6 de Meaño, 3 de Meis, 1 de Ribadumia e 1 da Illa de Arousa. Neste senso, o delegado territorial convidou a todos os demais establecementos turísticos e hostaleiros a que “se sigan sumando a esta iniciativa que se amosou moi importante e dinamizadora e que foi unha das claves para que Galicia sexa o destino de moda”.

Ao respecto, Luis López puxo en valor tamén a importancia económica da campaña Quedamos en Galicia, xa que só na anterior convocatoria inxectou 1.561.511 euros no sector do Salnés fóra da tempada alta co liderado, a nivel galego, de Sanxenxo, que recibíu 977.850 euros. A contía restante das tarxetas do bono turístico de 2021 distribuíuse na comarca do seguinte xeito: O Grove (415.894 euros), Vilagarcía de Arousa (56.419 euros), Meaño (53.387 euros), Vilanova de Arousa (24.384 euros), Cambados (17.231 euros), A Illa de Arousa (7.241 euros), Meis (4.846 euros) e Ribadumia (4.255 euros).

Finalmente, o representante autonómico tamén destacou a colaboración da Xunta co sector turístico noutros ámbitos, xa que visitou as instalacións do Gran Hotel Talaso Sanxenxo, que recibíu no último ano senllas achegas autonómicas ao abeiro das ordes de mellora de infraestruturas turísticas e de equipamentos poscovid por un importe global de máis de 44.000 euros.
 

Imaxes relacionadas