A Xunta inicia traballos de campo para avaliar a calidade dos servizos de transporte público nos que se potencia a participación cidadá

?      A campaña dá continuidade á iniciativa posta en marcha o ano pasado por primeira vez en todo o territorio da comunidade e terá unha duración de 7 semanas

?      Realizaranse máis de 13.000 enquisas a bordo, analizarase a calidade da prestación do servizo en preto de 1.800 expedicións e tamén no transporte compartido

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.- A Xunta inicia este mércores a campaña anual de traballos de campo dirixida a avaliar a calidade do transporte público interurbano nos que se potenciará a participación cidadá.

 

Esta campaña dá continuidade á posta en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o ano pasado, que analizou a calidade dos servizos de autobús en todo o territorio galego.

 

Os traballos de campo realizaranse durante 7 semanas e incluirán, como na campaña anterior, enquisas a usuarios, non usuarios e centros de ensino con transporte integrado, xunto con observacións anónimas empregando a técnica de ‘cliente misterioso’.

 

Co fin de ter unha valoración completa do transporte público interurbano e coñecer a percepción que teñen os usuarios da prestación deste servizo público, realizaranse 13.200 enquisas a bordo dos autobuses e nas paradas, que permitirán coñecer o perfil dos usuarios e o uso do servizo que realizan, así como medir a súa satisfacción segundo os distintos criterios de calidade identificados.

 

Tamén se obterá unha valoración de carácter obxectivo, con 1.793 observacións anónimas realizadas segundo a técnica de ‘cliente misterioso’ por persoal formado a bordo dos autobuses. Estas intervencións permitirán supervisar o cumprimento dos servizos e tamén os indicadores de calidade na súa prestación.

 

A planificación dos traballos de campo asegura a realización de enquisas e observacións anónimas distribuídas a nivel territorial e por concesión, co fin de coñecer con detalle a situación de toda a comunidade.

 

A campaña inclúe tamén a realización de 459 enquisas aos centros de ensino que contan con transporte compartido co fin de coñecer a súa valoración sobre o uso e a calidade percibida.

 

Ademais, os traballos complétanse con 400 enquisas telefónicas a non usuarios do transporte público interurbano da Xunta para coñecer as principais razóns polas que non empregan o autobús.

 

A campaña deste ano incrementará as canles de participación. De xeito adicional ás máis de 13.000 enquisas presenciais previstas a usuarios, a partir da vindeira semana a cidadanía poderá deixar a súa valoración directamente a través do portal www.bus.gal

 

Tamén a través da técnica ‘cliente misterioso’ revisaranse de xeito particular as liñas que prestan servizo a todos os centros penais de Galicia, que contan con servizos específicos implantados desde o mes de xaneiro.

  

Os datos recollidos nos traballos de campo servirán para analizar a evolución de cada un dos indicadores de calidade ao longo do tempo e contribuír á toma decisións sobre medidas que permitan seguir mellorando o servizo de transporte interurbano da Xunta, conformado por 3.436 liñas que mobilizan 3 millóns de viaxeiros ao mes e supoñen un investimento autonómico de 80 M€ ao ano.

 

En liña cos resultados obtidos o ano pasado, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade potenciou actuacións como a renovación de marquesiñas e os avances na activación do sistema SAEGAL, que permitirá ofrecer información en tempo real aos usuarios ou confirmar a regularidade de paso polas paradas dos autobuses.

 

A campaña anual de traballos de campo complementa o traballo de seguimento e mellora continua do transporte público interurbano que mantén a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.