A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada do delegado da Xunta en Pontevedra, presentou hoxe as accións previstas nestas dúas vías autonómicas, que comezarán a finais do verán e contan cun prazo de execución de 18 meses

Ethel Vázquez anuncia a licitación por 2 M€ das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224, en Santo André de Xeve, que transformarán a mobilidade nesta parroquia do concello de Pontevedra

? Son actuacións integrais que favorecerán unha contorna escolar segura, froito da colaboración con STOP Accidentes e do diálogo coa dirección do CEIP Santo André de Xeve, coa implicación dos propios alumnos do centro
? O proxecto tamén recolle as propostas de mobilidade sostible do Plan de sendas de Galicia na comarca, para enlazar dun xeito máis seguro e sostible os núcleos do Couso e Sobral, unindo os principais equipamentos da zona: o polígono empresarial, o colexio e a parroquia
 

Pontevedra, 20 de abril de 2022.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación por importe de 2 millóns de euros das obras de mellora da seguridade viaria na PO-223 e na PO-224, en Santo André de Xeve, que transformarán a mobilidade nesta parroquia do concello de Pontevedra.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López, achegouse hoxe á contorna do CEIP Santo André de Xeve para presentar as dúas actuacións que se levarán a cabo nestas estradas de titularidade autonómica. Tamén estiveron presentes no acto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a delegada de STOP Accidentes en Galicia, Jeanne Picard e a directora do CEIP, Carmen Gil.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 18 de maio para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.

 

Segundo adiantou a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a finais do verán, cun prazo de execución de 18 meses. Explicou que xa se está xa a avanzar no proceso expropiatorio das 46 fincas afectadas: en marzo convocáronse as actas previas e no mes de xuño están previstas as actas de ocupación.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade indicou que se trata dun conxunto de actuacións integrais, ambiciosas e transformadoras para favorecer unha contorna escolar segura que suman un investimento global de máis de 2,2 M€, tendo en conta as expropiacións.

 

As intervencións son froito do diálogo mantido coa dirección do centro educativo, coa implicación dos propios alumnos do centro, e enmárcanse na colaboración que a Xunta mantén desde hai anos con STOP Accidentes a prol da seguridade nas vías autonómicas. 

 

Ethel Vázquez explicou que as actuacións, nas que tamén se conxugan as propostas de mobilidade sostible recollidas no Plan de sendas de Galicia que a Xunta esta a desenvolver na comarca de Pontevedra, pretenden enlazar dun xeito máis seguro e sostible os núcleos do Couso e Sobral, ao tempo que se favorece a conexión dos principais equipamentos e focos de atracción da zona, como son o polígono empresarial, o colexio público e a propia parroquia de Xeve.

 

Para iso, dotarase a PO-223 dunha senda mixta, para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros. Tamén se levarán a cabo melloras puntuais do trazado, para encaixar a senda pola marxe dereita da vía e actuarase nas principais interseccións, con disposición de semiglorietas e cuñas de aceleración e desaceleración que faciliten as incorporacións.

 

Segundo indicou Ethel Vázquez, nesa contorna melloraranse as paradas de autobús en ambas as marxes e executarase un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monteporreiro, atendendo á solicitude do colectivo ciclista Pedaladas.

 

Estas intervencións na PO-223 completaranse coas que previstas na PO-224, na intersección onde se cruzan estas dúas estradas de titularidade da Xunta e onde se sitúa o CEIP.

 

Precisamente na intersección onde se produce o cruzamento de ambas as vías, executarase unha glorieta de 30 metros de diámetro que reforzará a seguridade viaria e contribuirá ao calmado de tráfico, ao producir un efecto de diminución de velocidade.

 

Tamén se habilitará unha senda para unir o colexio e o núcleo de Sobral. Serán 400 metros de itinerario desde a vía de acceso a Sobral ata a saída do o novo aparcadoiro do centro educativo.

 

Reordenaranse e ampliaranse as zonas de aparcadoiro: habilitarase un carril central de sentido único e 27 novas prazas de aparcadoiro en batería a ambos os lados, nunha parcela propiedade da Comunidade de Montes en Mancomún de Santa María de Xeve. Tamén se ampliará a zona de aparcadoiro de autobuses, incorporando 18 prazas para mestres e empregados do CEIP. Deste xeito, tal e como dixo a conselleira, ademais de conseguir unha notable mellora na zona de manobras tamén se dotarán 4 prazas para o estacionamento de autobuses.

 

Apuntou, tamén, unha intervención moi importante para a seguridade dos cativos: a execución dun carril exprés na fronte do colexio, un ‘kiss and ride’ que facilitará a baixada e recollida dos alumnos de xeito seguro. Tamén se reubicarán e mellorarán as paradas de autobús, reporase a capa de rodadura no treito de actuación e reforzarase a sinalización.

 

No marco destas actuacións instalaranse seis marquesiñas para facilitarlle aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que se renova.

 

Ethel Vázquez enmarcou as obras nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas e nas súas contornas.

 

A este respecto, a titular de Infraestruturas, lembrou o conxunto de actuacións que a Xunta desenvolverá en Pontevedra e nos concellos da área, aos que destinará máis de 14 M€.

 

Ademais destas intervencións, impulsarase a transformación integral da estrada vella de Marín; melloraranse preto de 100 paradas de autobús; e habilitaranse 4 aparcadoiros: un disuasorio na contorna da estrada vella de Marín e outros tres pensados para compartir coche nas inmediacións das vías de altas prestacións de Marín, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.  

Imaxes relacionadas