A Xunta ofrece un novo obradoiro gratuíto sobre a creación de personaxes de ficción para conmemorar o Día do Libro

A través da análise de textos da literatura galega, un total de 15 participantes coñecerán as ferramentas para mellorar a súa destreza da man do escritor Javier Peña

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do Obradoiro de creación de personaxes que ofrecerá a Xunta de Galicia co gallo do Día do Libro. No acto, celebrado na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, participaron tamén o xornalista e escritor Javier Peña, que impartirá a iniciativa, e o director da biblioteca, Jesús Torres.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que a creación literaria “é unha vía de achegamento á lingua galega, a lectura das obras creadas tenlle aberto as portas do idioma a moita xente e o prestixio da lingua ten que ver, entre outras moitas cousas, coa capacidade dos seus autores para producir obras literarias de calidade”, razóns polas que “o Goberno galego promove este proxecto”.

 

Este obradoiro de escritura creativa está destinado a 15 participantes que se centrarán na creación dos personaxes e do protagonista da súa propia novela. A través de catro clases teóricas e un exercicio práctico onde analizar textos da literatura galega do noso mundo editorial, coñecerán os pasos clave para mellorar as súas destrezas como novelistas.

 

O obxectivo principal da iniciativa é dotar de ferramentas os escritores e escritoras que están a comezar o seu camiño na escrita para que poidan producir as mellores obras posibles e facerse un oco entre os autores publicados.

 

A inscrición abrirá o próximo 25 de abril ás 8,30 horas a través do formulario dispoñible na web da Biblioteca Pública de Santiago. As sesións terán lugar os sábados 14, 21 e 28 de maio e 4 de xuño na biblioteca, mentres que e o acto de clausura será o venres 17 de xuño. No momento da inscrición, será imprescindible ter o carné da Rede de bibliotecas de Galicia.

Imaxes relacionadas