Fernández-Tapias destaca o salón do automóbil de Vigo como o “escaparate perfecto” para a recuperación dun sector clave en Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo participou na presentación do 30 aniversario da maior exposición comercial do motor da comunidade e segundo de España

“Tras dous anos moi duros, necesitamos boas noticias e sen dúbida esta nova edición do Salón é un novo estímulo na renovación do parque móbil”, sinalou

Vigo, 20 de abril de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, salientou hoxe na presentación do XXX Salón do Automóbil e a Motocicleta de Vigo, que se celebrará no Ifevi entre o 27 de abril e o 1 de maio, o importante papel da maior exposición do motor de Galicia como o “escaparate perfecto dun sector clave na economía da comunidade”.

No acto celebrado no Auditorio Abanca, a representante autonómica destacou o novo récord de facturación da automoción galega en 2021, con 11.200 millóns de euros, reeditando a primeira posición na produción nacional de vehículos.

“De aquí seguen saíndo 1 de cada 4 coches ensamblados en España, con Stellantis-Vigo como a fábrica máis produtiva e cun récord nas exportacións de 8.610 millóns de euros. A automoción supón un terzo do total das vendas de Galicia ao exterior e dá emprego a 23.500 persoas, case o 14% do total do emprego industrial da Comunidade”, sinalou.

Fernández-Tapias mencionou a necesidade de que a planta viguesa de Stellantis conte coa liña de Alta Tensión e tamén avogou por un reparto adecuado dos fondos do Perte.
A representante autonómica destacou tamén o papel do Salón do Automóbil e a capacidade dos seus responsables para superar as situacións máis adversas durante a crise sanitaria. “Agardamos que de maneira progresiva a situación poida normalizarse para dar continuidade á actividade e aos postos de traballo”, apuntou.

Ademais, destacou a aposta da Xunta pola industria do automóbil e puxo como exemplo dúas iniciativas do Goberno galego. Por unha banda, o proxecto Autoancora, que aspira a mobilizar 1.300 millóns de euros, coa creación de 900 postos de traballo nos tres primeiros anos de execución. Por outro, as axudas do Renove Automoción, o programa despregado esta mesma semana para financiar a compra de vehículos eficientes. “Trátase da ampliación do plan, que se puxo en marcha con 2,5 millóns, e que agora disporá doutros 2 millóns”, sinalou.

Imaxes relacionadas