A Xunta achegou 490.000 euros en dous anos para apoiar plans de internacionalización dixital de 15 pemes luguesas

      O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou a empresa Agronovo, beneficiaria do programa Galicia Exporta Dixital, que fomenta o acceso a mercados de todo o mundo empregando ferramentas electrónicas innovadoras

      O Goberno galego ten aberto ata o 25 de abril o prazo de solicitudes da nova convocatoria

Lugo, 20 de abril de 2022.- O programada Xunta Galicia Exporta Dixital achegou preto de 490.000 euros nos dous últimos anos a 15 pemes da provincia de Lugo para apoiar procesos de transformación dixital que favorezan a súa entrada en mercados de todo o mundo.

 

Así o explicou hoxe o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, no transcurso dunha visita ás instalacións da firma Agronovo (Lugo), unha das beneficiarias no ano 2020. Arias estivo acompañado de Rafael Rivadulla, director técnico da empresa, que naceu en 2004 como asesoría agrícola para autónomos ou empresas relacionados coa produción ecolóxica.

 

A firma lucense contou coa axuda deste programa para promover a comercialización noutros países dunha aplicación que desenvolveron en 2016 orientada á xestión e trazabilidade de negocios dos sectores apícola e vitivinícola.

 

Nas convocatorias de 2020 e 2021 hai outras seis empresas beneficiarias da capital luguesa, así como tres de Vilalba, dúas de Sarria e tres máis en Cospeito, Láncara e Ribadeo. Pertencen a sectores de actividade moi diversos, como decoración e reformas, fabricación de equipamento eléctrico, elaboración de produtos cárnicos, formación, cosmética capilar, informática, distribución de materiais de construción ou instalación e mantemento de parques eólicos.

 
Nova convocatoria aberta

Arias destacou que ata o 25 de abril está aberto o prazo para solicitar as axudas da nova edición do Galicia Exporta Dixital, xestionado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. O obxectivo é apoiar a expansión internacional de empresas —especialmente pemes— e autónomos, a través de novas canles de comercialización partindo de ferramentas dixitais innovadoras.

 

As axudas cobren ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e implementar o plan de internacionalización dixital. Pódese presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 18.000 e 100.000 euros. Nos sectores da produción agraria e da pesca, o gasto subvencionable mínimo pode ser igual ou superior a 14.000€, cun máximo de 37.500€ no caso de empresas do sector pesqueiro e de 25.000€ as agrarias.

 

Os beneficiarios poden cubrir os custos de actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Imaxes relacionadas