O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participaron na entrega de máis de 800 títulos de propiedade a 491 veciños

A Xunta remata a parcelaria de Santa María de Baio, no Concello de Zas, onde investiu máis de un millón de euros

?      Este proceso reorganizou unha superficie de 223 hectáreas, o que permitiu paliar o minifundismo presente na zona, dende o punto de vista da estrutura da propiedade

?      Pasouse dunhas 1.600 parcelas a uns 800 predios finais, duplicando así a superficie media das fincas e mellorando a estrutura territorial das explotacións da zona

Zas (A Coruña), 20 de abril de 2022.- O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na entrega de algo máis de 800 títulos de propiedade da concentración parcelaria de Santa María de Baio, no concello coruñés de Zas, aos 491 veciños propietarios. Desta forma, dáse por rematado este proceso, o cal supuxo un investimento por parte da Xunta de máis de un millón de euros.

 

Esta parcelaria supuxo a reorganización dunha superficie de 223 hectáreas, a cal permitiu duplicar a superficie media das parcelas resultantes, ao pasar de 1.647 predios iniciais a 808 parcelas finais. Desta forma, salientou o conselleiro, conseguiuse mellorar a estrutura territorial das explotacións da zona. Ademais, salientou que a meirande parte da superficie concentrada está dedicada a pastos (108 hectáreas) e labradío (83 hectáreas), polo que esta parcelaria tamén permitiu reducir os custos de produción das granxas ao concentrarse a súa base territorial.

 

Neste senso, José González sinalou que a través destes procesos conséguese paliar o minifundismo presente na Comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade, polo que son unha ferramenta fundamental na reorganización do territorio. Por iso estes mecanismos de reordenación son unha aposta clara do Goberno galego e, mostra disto, indicou o conselleiro, foron os máis de 20.800 títulos entregados de 19 concentracións desde o ano 2020 a preto de 9.000 propietarios, incluídos os da parcelaria de hoxe en Baio.

 

Así mesmo, o titular de Medio Rural reiterou o seu compromiso en seguir traballando na finalización das 94 parcelarias que a día de hoxe están abertas, aclarando que en 58 delas os veciños xa están facendo uso das novas parcelas. Nesta liña, indicou que para este ano 2022 o seu departamento conta cun orzamento de 12 millóns de euros para poder finalizar ditos procesos e seguir declarando novas parcelarias. De feito, lembrou que o pasado ano foron decretados cinco novos procesos nos concellos de Ordes, Outeiro de Rei, Friol e Castro de Rei. Estas novas concentracións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións.

 

Ademais, José González indicou que se seguirán impulsando este tipo de procesos á vez que se aposta por outros instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. Así, tal e como recolle a Lei de  recuperación da terra agraria de Galicia, fomentaranse os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outros.

 
Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

 

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria. Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas