A Xunta acomete a segunda fase da rede de camiños principais da Concentración Parcelaria de Baión cun orzamento de 1,1 M€

      O delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, supervisou esta mañá estes traballos, que supoñen a apertura de 7,5 quilómetros de novas pistas

      Esta actuación, que tamén inclúe a instalación de tubaxes, marcos, sinalización e muros, completará a rede principal, que preparou case 40 quilómetros de vías cun investimento de 1,6 M€

 

Vilanova de Arousa, 20 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, xa está a acometer as obras da segunda fase do proxecto da rede de camiños principais da Zona de Concentración Parcelaria (ZCP) de Baión, no Concello de Vilanova de Arousa, cun investimento de 1.171.108 euros.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou esta mañá estes traballos acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo; o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán; e o tenente de alcalde, Javier Tourís.

 

Esta actuación, que conta cun prazo de execución de doce meses, completará a rede de camiños principais deste proceso de reestruturación agraria, na que se fixeron ou prepararon, coa primeira fase, 38,17 quilómetros de vías cun orzamento de 1,6 millóns de euros.

 

Ao abeiro desta segunda fase abriranse novos camiños en 7,55 quilómetros con capa de rodadura de aglomerado en quente, acometeranse melloras do firme en formigón noutras vías xa existentes e instalaranse tubaxes para canalizacións, marcos, sinalización e muros de mamposteiría.

 

“Trátase dunha actuación fundamental para o agro de Vilanova, especialmente para o sector da vide, que xa xera moitos recursos económicos e que precisa de espazos axeitados para o seu crecemento”, sinalou o representante autonómico, que engadiu que, de xeito paralelo, a Consellería do Medio Rural está a traballar nas cuestións administrativas desta parcelaria.

 

Así, os servizos técnicos están a estudar na actualidade a resolución dos 217 recursos presentados contra as bases definitivas e tamén estase procedendo á elaboración do acordo de reestruturación parcelaria, que permitirá determinar e delimitar as novas fincas resultantes.

 

A concentración parcelaria de Baión, unha das dúas en marcha no municipio vilanovés xunto á de Tremoedo, abrangue unha superficie de 698 hectáreas de 1.052 propietarios que na actualidade están distribuídas en 6.194 predios. Ata a data, a Xunta leva investidos 3,9 millóns de euros nos traballos técnicos e nas obras físicas.

Imaxes relacionadas