A Xunta destaca a importancia das axudas do fondo de compensación ambiental para contribuír ao desenvolvemento sostible dos concellos tras a covid

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, lembrou hoxe no Parlamento galego que a convocatoria do ano pasado deste fondo permitiu financiar 248 proxectos relacionados coa protección do medio ambiente

Destacan as actuacións destinadas a evitar a degradación e o deterioro ambiental, as melloras de eficiencia enerxética no alumeado público e en instalacións municipais ou a compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisión ou Eco

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2022.- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe no Parlamento galego o compromiso da Xunta co desenvolvemento sostible dos concellos a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), que definiu como unha ferramenta fundamental para o financiamento das melloras ambientais levadas a cabo polas s entidades locais, o que redunda na mellora da calidade de vida da veciñanza.

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego leva investidos 108 millóns de euros desde a posta en marcha deste fondo en 2010 para colaborar cos municipios galegos en máis de 2.300 proxectos. Só ao longo do ano pasado, a Xunta financiou a través das dúas liñas deste fondo 248 iniciativas dedicadas á protección do medio ambiente e do espazo natural. En concreto, con actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, á recuperación do medio degradado ou contaminado e ao impulso das enerxías renovables.  

Natalia Prieto incidiu en que o FCA supón ademais unha contribución esencial para a recuperación sostible dos municipios, sobre todo -engadiu- co obxectivo de dar resposta ás demandas tras a pandemia do coronavirus. Deste xeito, aposta por reorientar a actividade de cara a mellorar os servizos municipais e poñer en valor os recursos que fan de Galicia un destino turístico seguro, de calidade e sostible.

Por iso, a Xunta mantén o seu compromiso co reequilibrio territorial da comunidade e destinou un orzamento inicial de 11,3 millóns de euros á convocatoria do fondo para este ano, á que se presentaron 454 solicitudes ás súas dúas liñas.

Cómpre aclarar que que as subvencións da liña non competitiva do fondo van dirixidas aos concellos galegos cuxo territorio estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico cunha asignación en función do número de xeradores; mentres que ás axudas de natureza competitiva poden concurrir todos os concellos da comunidade. Ao abeiro da convocatoria do ano pasado, 117 concellos foron beneficiarios da liña non competitiva e 131 da competitiva.

A directora xeral de Administración Local explicou que case a metade das iniciativas da liña competitiva aprobadas o ano pasado están destinadas a evitar a degradación ambiental e para o control ambiental, con medidas como a contratación de persoal e a dotación de maquinaria e vehículos para tarefas ambientais, así como melloras nos servizos de abastecemento, saneamento e recollida de lixo. Tamén destacan as actuacións de eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables no alumeado público e nas instalacións municipais, xunto coa adquisición de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.

Ademais das medidas anteriores, Natalia Prieto aclarou que o Fondo de Compensación Ambiental tamén inclúe como outras actuacións subvencionables que se levaron a cabo nos últimos anos nos concellos galegos, distintas campañas de divulgación sobre a importancia da protección do medio ambiente, a compra de equipamento de alta eficiencia enerxética e obras de acondicionamento en núcleos rurais para acadar unha mellor integración paisaxística coa contorna.