Xacobeo 21-22 presenta en Vigo o documental “Outros camiños” coa experiencia vital do proxecto Discamino

      A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presenta xunto ao cineasta galego Rubén Riós o documental “Outros camiños” no que se adentra no proxecto da Asociación Discamino de Vigo

      “A inclusión é un obxectivo prioritario para a nosa sociedade e para a Xunta, podedes contar comigo e co Goberno galego para colaborar e avanzar na accesibilidade”, sinalou a representante autonómica

Vigo, 19 de abril de 2022.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este martes o lanzamento do documental “Outros Camiños” producido polo cineasta galego Rubén Riós. A cinta recolle o proxecto que leva a cabo a Asociación Discamino de Vigo e amosa a visión máis social da ruta xacobea.

 

A obra, apoiada pola Xunta de Galicia a través de Xacobeo 21-22, trata a visión máis social do Camiño de Santiago e amosa a experiencia de vida das persoas con diferentes discapacidades. “A inclusión é un obxectivo prioritario para a nosa sociedade e para a Xunta, podedes contar comigo e co Goberno galego para colaborar e avanzar na accesibilidade”, sinalou a representante autonómica.

 

O acto celebrouse no hall da Delegación da Xunta coa presenza da delegada da Xunta, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o produtor Ruben Ríos, o presidente de Discamino, Javier Pitillas, e dous dos protagonistas da cinta, David Gil e Paula.

 

Ríos explicou durante a presentación que o documental “Outros Camiños” fai mostra dunha profunda experiencia de vida a través dun grupos de persoas con parálise cerebral enmarcada nun clima cargado de enerxía positiva. “Tomamos como escenario os espazos inigualables do Camiño de Santiago e achegamos ao espectador unha realidade máis inclusiva e accesible”, explicou.

 

A través do documental os catro protagonistas (Fani, Paula, David e Javichi) axudan a coñecer a relación entre as persoas que percorren máis de 500 quilómetros do Camiño de Santiago. Tamén amosa o proxecto da Asociación DisCamino, comandada por Pitillas, quen relatou que xa realizaron en quince ocasións a ruta xacobea.

 

A cinta é obra da produtora Claqueta Coqueta, especializada no ámbito da exclusión e vulnerabilidade social. O seu director, Rubén Riós, xa foi recoñecido polo seu traballo “Máis ca vida”, realizado por persoas con discapacidade intelectual.

Imaxes relacionadas