O Programa DAFIS da Xunta de Galicia contribúe a deseñar intervencións específicas para a loita contra a pandemia

As valoracións da plataforma serviron para realizar un estudo sobre os cambios na aptitude física antes e durante a pandemia en nenos e adolescentes, publicado pola revista científica de alto impacto International Journal of Environmental Research and Public Health

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.-

A Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego veñen de desenvolver o estudo ‘Comparación de perfís de aptitude física obtidos antes e durante a pandemia Covid-19 en dúas grandes mostras independentes de nenos e adolescentes: Proxecto DAFIS’ da man da Cátedra SXD-Galicia Activa da Universidade da Coruña. Os resultados do estudo poderían ser de interese para deseñar intervencións específicas orientadas a contrarrestar os efectos negativos das restricións da pandemia sobre a condición física relacionada coa saúde nos escolares galegos.

Neste traballo, publicado nunha revista científica de alto impacto -International Journal of Environmental Research and Public Health-, analizouse como as restricións da pandemia do COVID-19 puideron afectar o perfil de condición física de nenos e adolescentes galegos a través da plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) da Xunta de Galicia. Para iso, contrastáronse os datos de composición corporal e aptitude física rexistrados na plataforma DAFIS antes (15.287 casos) e durante o primeiro ano académico da pandemia COVID-19 (2.101 casos).

Os resultados indican que, durante o primeiro curso escolar tras declararse a pandemia, rexistrouse unha composición corporal menos saudable nos escolares galegos. A prevalencia do sobrepeso e obesidade na mostra avaliada durante o primeiro ano de pandemia era superior respecto a cursos precedentes tanto en nenos como en nenas.

Este efecto negativo da pandemia foi máis claro no caso dos mozos, onde varios indicadores de composición corporal (o índice de masa corporal, o perímetro da cintura e a relación entre a cintura-cadeira e entre cintura-altura) foron superiores na mostra avaliada durante o primeiro curso pandémico. Doutra banda, no referido á aptitude física, o compoñente muscular (avaliado mediante a prensión manual, o salto a pés xuntos e a axilidade) resultou inferior nas mozas avaliadas durante o curso pandémico. Por contra, a aptitude cardiorrespiratoria foi similar nas mostras avaliadas antes e durante o período pandémico.

Estes datos reforzan as conclusións do estudo realizado polo INIBIC-SERGAS, as federacións deportivas e a Secretaría Xeral para o Deporte sobre a incidencia da Covid-19 no deporte federado galego, cuxos resultados amosaron que a actividade física frecuente mellora substancialmente a forma física e o estado de saúde de nenos e novos.

Unha ferramenta contrastada

O proxecto DAFIS inclúe hoxe en día máis de 37.500 rexistros de condición física nos centros educativos galegos, o que significa unha avaliación de máis de 21.000 escolares entre 6 e 18 anos.

A plataforma segue recollendo éxitos como o premio á mellor comunicación oral na área de actividade física e saúde no XI Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte, en outubro de 2021. Ademais, a plataforma xa foi galardoada co segundo accésit dos Premios Naos 2019 na categoría de promoción da práctica da actividade física no ámbito escolar, así como co recoñecemento da oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018.

Imaxes relacionadas