A conselleira de Política Social, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe as casas do maior de Coristanco

Fabiola García sinala que as casas do maior consolidaron en toda Galicia un modelo de envellecemento "de proximidade, extenso e da máxima calidade"

Na actualidade existen 83 centros deste tipo por toda a Comunidade que ofrecen 415 prazas de atención diúrna a persoas maiores

Nas próximas semanas resolverase unha nova convocatoria que permitirá crear 30 novos centros

A conselleira apuntou que en Coristanco a Xunta investiu 30.000 euros para a adecuación dos locais onde se sitúan as casas do maior e outros 50.000 euros anuais para que se poida dar atención aos seus usuarios

Coristanco (A Coruña), 19 de abril de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que as casas do maior consolidaron en toda Galicia un modelo de envellecemento “de proximidade, extenso e da máxima calidade”. Esta mañá visitou os dous centros que se abriron este ano en Coristanco acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

 

Fabiola García concretou que as 83 casas do maior que xa existen en Galicia, con 415 prazas, consolidaron na nosa comunidade un novo tipo de envellecemento. Ante o éxito de acollida por parte dos concellos galegos e das persoas maiores, apuntou que nas próximas semanas resolverase unha nova convocatoria que permitirá abrir 30 novos centros ao longo de toda Galicia.

 

A conselleira apuntou que en Coristanco a Xunta investiu 30.000 euros para a adecuación dos locais onde se sitúan as casas do maior e outros 50.000 euros anuais para que poidan atender a dez usuarios de xeito totalmente gratuíto para eles. Sinalou que con estas iniciativas a colaboración institucional entre a Xunta e o Concello de Coristanco permitiu impulsar iniciativas e centros de atención á veciñanza.

 

Outros centros e programas

Neste sentido lembrou que nos últimos anos o Goberno galego colaborou na creación dun centro interxeracional no lugar da Rocha, no que se investiu 120.000 euros. Ademais, impulsou cursos de formación para a xente moza ao abeiro do programa Iniciativa Xove para que coñezan as potencialidades do uso de drons no sector agrario na Escola Familiar Agraria de Fonteboa.

Imaxes relacionadas