A Xunta apoia a 27ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na rolda de prensa de presentación desta cita consolidada do calendario cultural galego

A MITEU recupera o seu formato e esencia previos á pandemia, aínda que mantén a programación de rúa para achegar o teatro á cidadanía

Ourense, 19 de abril de 2022.-

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na rolda de presentación da 27ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) de Ourense, “unha cita consolidada do calendario cultural galego que conta, un ano máis, co apoio da Xunta de Galicia”, destacou.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade celebrou que a mostra recupere as súas datas habituais de celebración, nesta ocasión do 1 ao 16 de maio, despois de ter lugar no verán nas dúas últimas convocatorias. “Neste 2022 a MITEU retoma o seu formato e esencia, coa exhibición de pezas de teatro independente nun total de 17 representacións distribuídas en diferentes espazos da cidade das Burgas, como o Teatro Principal, no Liceo e no Campus”, sinalou o secretario xeral.

 

“Así mesmo –engadiu– mantense parte da programación da rúa, na praza Maior, na Alameda, na praza de san Martiño ou nos Xardíns Padre Feijóo, entre outros espazos, achegando o teatro a toda a cidadanía”.

 

Anxo M. Lorenzo gabou tamén a oportunidade que esta cita supón para o intercambio cultural e estudantil entre territorios. Non en van, neste certame de exhibición de pezas de teatro, circo, música e danza independente estarán presentes compañías e grupos universitarios e profesionais tanto de Galicia como do resto de España, Portugal, Italia e México. Así mesmo, participarán na mostra os coñecidos actores Pepe Viyuela e Leo Bassi.

           

A programación, que estará dispoñible no web da mostra nos próximos días, inclúe tamén a celebración dun concerto en homenaxe a Xaime Mateo, finado en decembro de 2021 e participante en edicións anteriores da mostra; así como o desenvolvemento dun curso de principios básicos da Commedia Dell´arte.

 
 
 
 

Na presentación estiveron presentes tamén o director da MITEU, Fernando Dacosta; a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón; o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; a vicerreitora do Campus de Ourense, María Esther de Blas e o fundador de Cervexas Esmorga, Luis Portabales.