A Xunta apoia o cicloturismo en Ourense como pulo para a promoción deportiva e turística da provincia

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentaron hoxe a quinta edición da proba cicloturista Ourense Strade Termal, que transcorre polo parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Alfonso Rueda lembrou os bos datos acadados esta Semana Santa, cun 80 % de media de ocupación hoteleira e cifras aínda mellores en establecementos de turismo rural ou en enclaves como a Ribeira Sacra

Muíños (Ourense), 19 de abril de 2022.- O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentaron hoxe a quinta edición da proba cicloturista Ourense Strade Termal, que conta co apoio do Goberno galego para a promoción deportiva e turística da provincia de Ourense.

Con ese obxectivo, a Xunta de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) asinaron un convenio de colaboración para a promoción, dinamización e fomento da riqueza da provincia de Ourense por un importe total de 93.876 euros, dos que o Goberno galego aporta 70.000 euros a través da Axencia Turismo de Galicia. O acordo inclúe a promoción de Galicia e de Ourense nas probas cicloturistas Ourense Strade Termal, Xurés Bike Tour e Ribeira Sacra Ourense Termal, aos que a Xunta destina 26.250 euros.

A proba permitirá que centos de ciclistas amosen ao mundo as potencialidades deportivas de Ourense nunha contorna incomparable como é o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Por iso, o vicepresidente primeiro asegurou que a aposta por Ourense é a aposta por Galicia, xa que a provincia concentra e resume o mellor da comunidade. “Deporte e turismo van da man e cada vez son máis os turistas que buscan unha oferta diferenciada vencellada coas actividades ao aire libre”, subliñou Alfonso Rueda, quen destacou tamén que os eventos deportivos e a oferta turística de Ourense coinciden coa aposta polo turismo de calidade que tan bos resultados están a dar en Galicia.

O responsable de Turismo da Xunta de Galicia recordou os bos datos acadados na comunidade o pasado verán e o balance positivo desta Semana Santa, cun 80 % de media de ocupación hoteleira e cifras aínda mellores en establecementos de turismo rural ou en enclaves como a Ribeira Sacra, de aí a importancia e o protagonismo da provincia de Ourense no cómputo global. Un balance positivo no que tamén ten moito que ver o Camiño de Santiago e o Xacobeo, con 8.700 peregrinos nos días festivos e cunhas 30.000 Compostelas entregadas no que vai de ano, a cifra más elevada desde que hai rexistros.

Imaxes relacionadas