A Xunta achega ao tecido empresarial de Ortigueira as vantaxes da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade

 Conde lembra que desde hoxe xa está aberta a convocatoria do programa InnovaPeme e que, a partir do vindeiro venres, xa se poderá solicitar a liña de axudas DeseñaPeme

Este encontro de Ortigueira é o penúltimo dos 14 que se convocaron para dar a coñecer ás empresas galegas asentadas en contornos non urbanos os apoios que a Xunta ten á súa disposición para acometer proxectos innovadores e dixitais

Camiño de Futuro pecha mañá o seu percorrido en Abegondo (A Coruña) onde participarán empresas locais como as que hoxe expuxeron a súa experiencia en Ortigueira: Ensamble System e Talleres Acesán

Ortigueira (A Coruña), 19 de abril de 2022.-

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu hoxe a importancia de xerar unha cultura innovadora no tecido empresarial galego porque, segundo dixo, na innovación, na dixitalización e na sustentabilidade está o futuro de calquera empresa, independentemente do seu tamaño.

 

Conde participou hoxe no encontro Camiño de futuro en Ortigueira (A Coruña), unha iniciativa que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Igape, dependentes da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, leva desenvolvido nas últimas semanas por diferentes concellos galegos. Conta, tamén, coa colaboración de outros departamentos da Administración autonómica como as consellerías do Medio Rural, a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), e do Mar, a través dos Grupos de Acción Local Pesqueira (GALP).

 

En concreto este encontro de Ortigueira é o penúltimo dos 14 que se convocaron para dar a coñecer ás empresas galegas asentadas en contornos non urbanos os apoios que a Xunta ten á súa disposición para acometer proxectos de innovación e dixitalización. Nel expuxéronse casos de éxito de empresas locais como Ensamble System e Talleres Acesán.

 

Conde subliñou que innovar é unha necesidade universal para o tecido empresarial porque a competitividade dunha empresa, abondou, crece de forma proporcional ao que inviste en innovación e é o que lle permite marcar a diferenza. Nese sentido, remarcou que a Xunta sempre vai estar ao carón do tecido empresarial galego para axudalo a crecer e para dar resposta ás súas necesidades.

 

Ao respecto, apuntou que desde hoxe xa está aberta a convocatoria do programa InnovaPeme e que, a partir do vindeiro venres, xa se poderá solicitar a liña de axudas DeseñaPeme, máis enfocada a proxectos de deseño. En total, 4,3M€ que esta semana a Xunta pon á disposición das empresas galegas para que poidan desenvolver proxectos de innovación en produtos, procesos e servizos cos que se prevé mobilizar 8,6M€ de investimento público privado.

 

Ademais, destacou que as convocatorias de axudas máis inmediatas neste segundo trimestre do ano para dixitalización suman 7M€, e para emprendemento outros 7M€, entre o programa Galicia Emprende, que se convocará proximamente cun orzamento de 5M€, e os 2M€ do Galicia Emprende Rural, en fase de resolución. Na mesma liña, tamén se referiu á Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia como unha garantía para o tecido empresarial que, no seu primeiro ano de aplicación, leva permitido reducir en 17 días o tempo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais.

 

Conde concluíu poñendo en valor que en Galicia se crearon 1.099 empresas no primeiro trimestre do ano, máis de 12 ao día, o que supón un incremento do 4,6% con respecto ao mesmo período de 2021.

Imaxes relacionadas