A Xunta convoca as axudas do 'Bono enerxía peme' para apoiar a máis de 350 empresas galegas cos seus gastos e investimentos eléctricos

      O delegado territorial, Luis López, informa desta nova convocatoria de axudas, aberta ata o vindeiro 14 de xullo, nunha visita ao establecemento Mercaplaza de Pontevedra, beneficiario dunha achega de case 6.000€ coa orde do pasado ano

      A Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina un orzamento de 2 M€ a esta liña e concederá axudas que subvencionarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000€ por solicitude

Pontevedra, 19 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de convocar as axudas do Bono Enerxía Peme para axudar a máis de 350 empresas galegas cos seus gastos e investimentos eléctricos.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova convocatoria de axudas nunha visita ao establecemento Mercaplaza de Pontevedra, beneficiario dunha achega de case 6.000€ coa orde do pasado ano. Grazas a esta actuación, a empresa Sularre, propietaria deste supermercado, acometeu a renovación do seu sistema de iluminación en base a criterios de eficiencia enerxética para aforrar un consumo estimado de preto de 6.000 kilovatios anuais.

 

“Trátase dunha liña de axudas para actuacións enerxéticas moi importante para pemes, negocios e autónomos que estreamos o pasado ano para reactivar a economía ante a situación económica xerada pola pandemia da covid-19 e coa que recuncamos este exercicio no marco do Plan de Choque da Xunta para afrontar a actual carestía dos produtos enerxéticos e a suba da inflación”, explicou o representante autonómico, que detallou que cinco establecementos da cidade de Pontevedra recibiron unhas achegas de case 30.000 euros en base á convocatoria de 2021 e convidou a sumarse á reedición desta orde.

 

O Bono Enerxía Peme 2022 ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 14 de xullo, aínda que poderá pecharse antes en caso de esgotamento de crédito, e conta cun orzamento global de 2 millóns de euros. As axudas subvencionarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros por solicitude.

Poderán pedir estas achegas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación os empresarios e autónomos con actividades nos ámbitos do comercio, a hostalería, os traballos artístico-recreativos e outros servizos.

 

Entre os investimentos subvencionables figuran a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas térmicas; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior, incluídos os rótulos, por outros de tecnoloxía Led; a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións eléctricas; o reemprazo de equipamentos como cafeterías, lavavaixelas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparatos de redución de consumo en sistemas de climatización, ventilación ou auga quente; e a implantación de sistemas domóticos e inmóticos.

Imaxes relacionadas