A delegada territorial da Xunta en Ferrol anuncia a licitación das obras de execución de gabias de seguridade en catro estradas autonómicas da zona que suporán un investimento superior aos 1,1 millóns de euros

As actuacións levaranse a cabo na vía de alta capacidade VG-1.2, en Fene e Mugardos, na autovía AG-64, nos tramos de San Sadurniño e As Somozas, e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela

Martina Aneiros destaca que a finalidade desta intervención é mellorar a seguridade nestas vías sen realizar cambios no seu trazado

Fene (A Coruña), 19 de abril de 2022.-

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez, visitou a vía de alta capacidade VG-1.2 ao seu paso por Fene e Mugardos, unha das catro vías da comarca en cuxa marxes o Goberno autonómico executará gabias de seguridade. A intervención tamén se levará a cabo na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, nos tramos correspondentes aos municipios de San Sadurniño e As Somozas e nas estradas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas da licitación destas obras por un importe de 1.113.521,99 euros. As empresas interesadas teñen ata o día 16 de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución é de seis meses.

 

As obras consistirán na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade. Os traballos inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

 

“O obxectivo deste proxecto é mellorar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado”, explicou a delegada territorial. Ademais precisou, que as actuacións en materia de mellora do firme, sinalización e drenaxe tamén contribuirán a incrementar a adherencia dos vehículos sobre o asfalto.

 

Para a execución destas obras non será necesario o desvío do tráfico rodado nin se producirán afeccións sobre ningún servizo.

Imaxes relacionadas