A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu nun almorzo informativo organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña, baixo o título ‘Horizonte do sector: afrontando novos retos’

Ethel Vázquez avanza que a Xunta licitará en maio o concurso de proxecto e obra para a pasarela sobre a ría do Burgo, un investimento de 8 M€ que usarán ata 2.300 peóns e ciclistas ao día

?      Vázquez Mourelle urxe unha resposta consensuada entre o Goberno de España, autonomías e o sector ante a crise dos materiais e da enerxía

?      Insiste en que as medidas adoptadas polo Goberno central deben ampliarse para incluír máis materiais e evitar o risco nas obras hidráulicas ou a conservación de estradas

A Coruña, 19 de abril de 2022.-A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta licitará en maio o concurso de proxecto e obra para a nova pasarela sobre a ría do Burgo, un investimento de 8 millóns de euros destinado a facilitar a mobilidade sostible, coa previsión de ser usada por ata 2.300 peóns e ciclistas cada día.

 

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, interveu nun encontro organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APPECO), baixo o título ‘Horizonte do sector: afrontando novos retos’. No acto participou tamén o presidente da Federación Galega da Construción e de APECCO, Diego Vázquez Reino.

 

Ethel Vázquez subliñou a importancia do diálogo co sector ante un momento complexo, pois aínda que a Xunta conta cos maiores Orzamentos da historia da Comunidade Autónoma e coa oportunidade dos fondos europeos, tamén existen dificultades inéditas como o encarecemento desorbitado de materiais ou a crise enerxética.

 

Sinalou que as solucións pasan por unha actuación dialogada e consensuada entre o sector, as comunidades autónomas e o Goberno de España, que é quen ten as competencias en materia de contratos públicos e debe autorizar a revisión de prezos.

 

Indicou que as medidas adoptadas ata o momento polo Executivo central son insuficientes porque non teñen en conta a escalada dos prezos enerxéticos e de moitos máis materiais que os 4 previstos, polo que deben ampliarse.

 

Avanzou que están en risco obxectivos tan importantes como a execución das obras hidráulicas ou a conservación de estradas polo que as medidas deben ampliarse, tal e como onte mesmo lle solicitou a Xunta por carta á ministra de Transportes.

 

Adiantou que a Xunta xa está en disposición de aprobar nas vindeiras semanas medidas para aplicar a revisión de prezos en todas as obras públicas na Comunidade, con plenas garantías xurídicas.

 

375M€ para unha Galicia máis social, verde e moderna

Por outra parte, a conselleira detallou o esforzo investidor que está a realizar a Xunta, que actualmente ten en proceso de contratación actuacións por importe de case 135 millóns de euros que serán adxudicadas nos vindeiros meses, contribuíndo á dinamización da economía e do emprego.

 

Salientou unhas previsións favorables para os vindeiros tres meses, co obxectivo de licitar obras por importe doutros 240 millóns de euros, sumando un total de 375 millóns destinados a construír un país mellor para vivir, para visitar e para emprender.

 

Destacou que estes investimentos acadarán unha Galicia máis social, con obras como a ampliación do hospital público de Santiago; máis verde, coa nova depuradora de Vilagarcía de Arousa; e máis moderna, coa intermodal da Coruña.

 

Lembrou que o Executivo autonómico está a executar unha importante carteira de obras públicas como as autovías de Nadela-Sarria e de Tui-A Guarda, as grandes obras hospitalarias de Ferrol, Pontevedra ou Ourense ou o saneamento das rías en Pontevedra, Rianxo, Viveiro ou Foz.

 
A Coruña

Remarcou que o Goberno galego está a centrar os seus esforzos en executar proxectos transformadores para Galicia e as súas cidades.

 

A este respecto, concretou o impulso na Coruña de proxectos tan relevantes como o novo Hospital Público, con máis de 430 millóns de euros previstos para blindar a sanidade pública das vindeiras décadas; ou a estación intermodal, xa licitada, con 40 millóns, para iniciar as obras en outubro.

 

Engadiu novos proxectos como a estrutura flotante no Parrote en colaboración coa Autoridade Portuaria, un investimento de 3,1 millóns de euros e que se terá materializado no ano 2023.

Imaxes relacionadas