O titular de Medio Rural, José González, presidiu a reunión do Consello Agrario de Galicia

A Xunta inicia a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria para mellorar o seu funcionamento e procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os operadores

José González explicou que o obxectivo final é conseguir uns prezos xustos para os produtores, que sempre cubran os seus custos máis unha marxe de beneficio

Trasladou que deste xeito a Xunta avanza no cumprimento das súas obrigas, tras recibir estas competencias -ata o de agora estatais-, malia que non veñen acompañadas dos medios e do financiamento precisos

Avanzou que proximamente está previsto poñer en marcha tamén a Axencia de Información e Control Alimentarios de Galicia, unha unidade que reforzará o labor do observatorio en materia de control

Boqueixón (A Coruña), 19 de abril de 2022.-

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), a reunión do Consello Agrario de Galicia, na que se avaliou o inicio da posta en marcha do observatorio da cadea alimentaria da nosa comunidade. O titular de Medio Rural explicou que este instrumento da Xunta ten como principais finalidades mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor, con vistas a conseguir uns prezos xustos, que sempre cubran os custos de produción.

 

Neste sentido, José González destacou que o principal obxectivo do observatorio será “facer efectiva a prohibición da venda a perdas” nos sectores primarios. Para iso, engadiu, emitirá informes “de xeito autónomo, independente e eficiente” para determinar os custos de produción. Deste xeito, sinalou o conselleiro “teremos o mecanismo que nos permitirá logo pedirlle a todos os elos da cadea de valor que cumpran a normativa”.

 

José González sinalou que deste xeito a Xunta avanza no cumprimento das súas obrigas nesta materia, unhas competencias que lle foron trasladadas en virtude das últimas modificacións introducidas na Lei da cadea alimentaria e que antes se exercían a nivel estatal. Porén, o conselleiro lamentou que por parte do Ministerio de Agricultura non se aportaron os medios e o financiamento precisos para desenvolver estas competencias.  Así, incidiu González, a Xunta actúa por responsabilidade, para que se cumpra a lexislación e que os produtores perciban un prezo que cubra os seus custos de produción máis unha marxe de beneficio, coma calquera empresario.

 

O conselleiro trasladou, ademais, que este observatorio funcionará en virtude da colaboración entre diferentes departamentos da Administración autonómica. Así, para poñelo en marcha asinouse un acordo entre a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación -que xestiona as áreas de consumo e competencia-, a Consellería de Emprego e Igualdade, a Consellería do Mar e a Consellería do Medio Rural.

 

AICA galega

Na mesma liña, José González avanzou ademais que proximamente está prevista a posta en marcha da Axencia de Información e Control Alimentarios de Galicia, a AICA galega. Farase mediante a modificación da estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, creando esta unidade dentro da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, con fin de reforzar o labor do observatorio en materia de control.

 

En relación co observatorio, o conselleiro indicou tamén que se encargará de elaborar informes periódicos sobre aspectos coma os custos de produción e a formación de prezos ao longo da cadea. Todo isto, engadiu González, co fin de obter información transparente e valiosa para a toma de decisións estratéxicas por parte tanto dos distintos sectores como da propia Administración. A maiores, o conselleiro destacou que lle corresponderá ao seu departamento a coordinación operativa do devandito observatorio, mediante a Subdirección xeral de Industrias Agroalimentarias.

 

José González salientou que a Consellería asume este reto como parte do seu labor a prol dos sectores primarios e, neste sentido, puxo en valor iniciativas da Xunta coma o anticipo da PAC deste ano, que -salientou- “se publicará proximamente no DOG, para poder dotar dunha inxección de liquidez de case 200 millóns de euros aos agricultores e gandeiros”.

 

O conselleiro referiuse tamén á apertura dunha liña de crédito para atender as compras de circulante por parte dos gandeiros ou as xestións para que o Banco de España autorice ás entidades financeiras a concesión dunha moratoria dun ano no pago das amortizacións dos préstamos a longo prazo que teñen vivos no sector agroalimentario. Cómpre tamén poñer en valor outros fitos, como a aprobación das diferentes estratexias sectoriais para o leite e o viño, así como os traballos -en marcha- para a da carne e, dentro do sector leiteiro, a posta en marcha da aplicación informática Conta Láctea. Esta ferramenta informática permite os gandeiros calcular os seus custos de produción e determinar a que prezo vender cada litro de leite.

 

Precisamente nese eido, o conselleiro lembrou que a Xunta sigue reclamando que se cubran os custos de produción e insistiu en demandar ao Ministerio de Agricultura que promova un gran acordo nacional coa distribución, a industria e os gandeiros e que traia consigo un incremento dos prezos dos seus produtos. Galicia -recordou González- propuxo ao Ministerio que o devandito acordo sectorial faga posible unha prima de emerxencia excepcional, temporal, que pode ser perfectamente compatible coas normas da competencia e que evite que este eido produtivo entre en moitas dificultades canto á súa sustentabilidade económica.

 

Por último, no caso do vacún de carne, a Xunta xa se anticipou e tomou cartas no asunto de cara a frear a venda a perdas neste eido. Así, o Goberno galego vén de coordinar un acordo histórico dentro da cadea de valor da carne de Ternera Gallega para acadar rendas dignas para os gandeiros.

Imaxes relacionadas