A Xunta recibe as ofertas de 10 empresas para executar a mellora do firme na estrada PO-548 ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa, cun investimento de máis de 1,5 M€

 As obras terán un prazo de execución de seis meses e centraranse no reforzo do firme desta vía autonómica, no tramo de algo máis de 19 km que une a vila de Pontecesures e a glorieta de acceso ao porto de Carril


Reporanse marcas viarias continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes, que  redundarán na mellora das condicións da vía
 

Disporanse distintos tramos con dobre liña e reducirase o ancho dos carrís, habilitando unha zona central para mellorar a seguridade e reducir a velocidade

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 10 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-548, ao seu paso polos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira e Vilagarcía de Arousa, cun investimento de máis de 1,5 M€.

 

O obxecto da intervención é o acondicionamento e rehabilitación de firme ao longo de algo máis de 19 km desta vía que une as localidades de Pontecesures e Vilagarcía, de cara a mellorar a seguridade viaria. Os traballos conta cun prazo de execución de seis meses.

 

Máis en detalle, as actuacións na PO-548 comprenderán o tramo comprendido entre Pontecesures, no punto quilométrico 0, e o punto 19+100, xa na glorieta de acceso ao porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa.

 

As obras consistirán na reparación do firme mediante o fresado e reposición das zonas deterioradas e na aplicación dunha nova capa de rodadura.

 

Como complemento a estas intervencións, o contrato inclúe distintas actuacións que permitirán mellorar as condicións actuais da estrada, como a reposición de marcas viarias: continuas, descontinuas, símbolos, cebreados e resaltes.

 

No que se refire ás marcas que delimitan o eixo da calzada proponse, en varios tramos da PO-548, a disposición dunha dobre liña continua. Noutros, nos cales o que se pretende é conseguir unha redución da velocidade, diminuirase o ancho dos carrís, establecendo unha zona central que se cebreará.

 

Cómpre subliñar que a estrada PO-548 presenta numerosas interseccións con outras estradas, normalmente de menor entidade. Nesas interseccións e co obxectivo de facilitar os movementos de incorporación ou abandono, ou posibilitar cambios de sentido, aplicarase unha capa de rodadura, sobre a cal se disporán as correspondentes marcas viarias.

 

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.